A CORUÑA 1 Ago. (EUROPA PRESS) -
O escritor Xosé Neira Vilas presentará hoxe ás 19:00 horas na Feira do Libro da Coruña, "Vinte anos retornando", a primeira entrega das súas memorias onde amosa a experiencia das doce viaxes que realizou coa súa compañeira Anisia Miranda dende 1972 ata 1992, cando, despois de corenta e tres anos na emigración americana, deciden radicarse definitivamente en Galicia.
Nestas memorias da súa condición de "emigrante retornado", o escritor de Gres reconstrúe tanto a peripecia vital daqueles días, os emocionantes reencontros con familiares amigos, así como a súa documentada interpretación dos acontecementos políticos e culturais dun período coincidente coa chamada Transición. Unha crónica apaixonante dun amor compartido e compatible entre Cuba e Galicia, as súas dúas patrias.
Xosé Neira Vilas naceu en Gres no Val do Ulla no 1928. É escritor e membro da Real Academia Galega, Doutor Honoris Causa polas Universidades da Coruña e da Habana e un dos autores clásicos vivos da literatura galega.
Dende que en 1961 publicou Memorias dun neno labrego, pasou grande parte da súa vida fóra de Galicia: nos anos cincuenta en Buenos Aires, vencellado ás actividades culturais e patrióticas promovidas polos exilados republicanos; dende 1961 a finais dos oitenta, en Cuba, onde fundou e dirixiu a Sección Galega do Instituto de Literatura e Lingüística, e onde traballou como redactor xefe da revista infantil Zunzún. Na actualidade, reside na casa natal de Gres, convertida en sede da fundación que leva o seu nome.
A súa extensa obra abrangue a prosa narrativa: Xente no rodicio (1965), Camiño bretemoso (1967), Historias de emigrantes (1968), A muller de ferro (1969), Remuíño de sombras (1973), Aqueles anos do Moncho (1977, Xerais 1989), Querido Tomás (1981), Tempo novo (1987), Papeis (1992), O home de pau (Xerais 1999) e Relatos mariñeiros (Xerais 2003); a narrativa infantil: Cartas a Lelo (1971), De cando o Suso foi carteiro (1988), Chegan forasteiros (1993); a poesía: con títulos como Inquedo latexar (1969) ou Poesía recadada (1994); as lembranzas: Lar (1974), Nai (1980), Pan (1986); e outros textos de investigación ou testemuña como a serie Memoria da emigración (tres volumes, dos anos 90), Crónicas Galegas de América (tres volumes, 2000-2002), O sarillo do tempo (Xerais 2004) e Xentes e camiños (Xerais 2005).
É coautor xunto coa súa dona, Anisia Miranda, do poemario para nenos Cantarolas (Xerais 1995). Unha selección dos seus relatos, publicados entre 1965 e 1986, foi recollida no volume Contos de tres mundos (Xerais, 1995). No acto de presentación de "Vinte anos retornando" (Xerais 2006), o autor estará acompañado por Manuel Bragado, director de Edicións Xerais de Galicia e se desenrolará nos Xardíns de Méndez Núñez de A Coruña, incluíndose no programa de actos da Feira do Libro. A partir das 18:30, Neira Vilas asinará exemplares das súas obras na caseta de Secretaría.