A Xunta saca por 1,1 millóns a contratación do proxecto de obra de quince vivendas de promoción pública en Lalín

Actualizado: martes, 22 agosto 2006 14:21

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 22 Ago. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Vivenda e Solo saca a concurso a contratación do proxecto e obra de 15 vivendas de promoción pública en Lalín, no lugar do Regueiriño, por un importe de algo máis de 1,1 millóns de euros. As empresas interesadas dispoñen dun prazo de 26 días, a partir de mañá, para presentar as súas ofertas no rexistro dos servizos centrais deste departamento autonómico en Santiago de Compostela.

Segundo Vivenda, a mesa de contratación reunirase a finais de setembro para a adxudicación do proxecto e obra, momento a partir do cal a empresa adxudicataria disporá dun prazo de 18 meses para a súa execución. A Consellería estima poder dispoñer das vivendas rematadas a comezos do 2008.

Esta actuación de vivenda protexida no concello de Lalín consiste nun edificio con soto, baixo, 3 plantas e un baixo cuberta, cun total de 7 vivendas de 3 dormitorios, unha delas adaptada para minusválidos, e 8 vivendas de 2 dormitorios. A superficie útil oscila entre os 62 metros cadrados, as vivendas de 2 dormitorios, e os 82 metros cadrados as que teñen 3 dormitorios. As 15 vivendas dispoñen de rocho e praza de garaxe.

O obxectivo do departamento que dirixe a nacionalista Teresa Táboas é poñer no mercado o maior número posible de vivenda protexida para favorecer o acceso das rendas medias e baixas a unha vivenda digna e de calidade a prezo asequible. Por iso, Vivenda non descarta completar nun futuro esta actuación no Concello de Lalín, e analizará a posibilidade de construír máis vivenda protexida en diferentes zonas do municipio en terreos facilitados pola administración local.