O 061 pide "precaución" a condutores e peóns na ponte de Fin de Ano

Europa Press Galicia
Actualizado: martes, 30 diciembre 2008 17:47

SANTIAGO DE COMPOSTELA 30 Dic. (EUROPA PRESS) -

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 fixo hoxe un chamamento a condutores e peóns a que "extremen a precaución" nas estradas de cara ao día de Fin de Ano, que nesta ocasión "coincide moi preto do primeiro fin de semana de 2009".

Segundo informou o 061, esta proximidade "fai prever un notable incremento no número de desprazamentos por estrada", polo que recomendou "aumentar as medidas de prevención" e "empregar os sistemas de seguridade" nestas datas.

Ademais, o 061 recordou que "case un terzo das intervencións por accidente de tráfico que atende" a central de emerxencias "teñen a súa orixe nun exceso de velocidade" ou "velocidade inadecuada".

Así mesmo, a central de emerxencias recomendou aos condutores "moderar o consumo de alcohol" e recordou que o consumo deste "non só incrementa o risco de sufrir accidentes", se non que en caso de ter un "dificulta as tarefas dos servizos sanitarios ao interferir o alcohol cos fármacos subministrados".

Finalmente, recordou aos peóns a importancia de "facerse ver" se circulan ou cruzan por estradas, para o que, apuntou, a Consellería de Política Territorial e a de Sanidade repartiron 160.000 distintivos reflectantes dentro da campaña 'Faite ver!'.

O pasado fin de ano, que coincidiu un luns, o 061 atendeu entre o 28 de decembro e o día 1 un total de 133 accidentes, nos que se prestou asistencia a 172 vítimas entre as que houbo que lamentar dous falecementos.

ACTUACIÓN ANTE UN ACCIDENTE

Noutra orde de cousas, o 061 recordou as normas básicas de actuación se se presencia un accidente de circulación e fixo fincapé en "non intervir se non se sabe como" e "avisar sempre canto antes para que acudan os servizos de emerxencias, marcando o 061".

En primeiro lugar, a central de emerxencias sinalou que antes de auxiliar nun sinistro de tráfico "debe aparcarse o coche" nun sitio seguro" e "poñer as luces de emerxencia" ademais de "vestir roupa reflectante" ao saír do vehículo.

Outra das medidas a realizar será apagar as luces e retirar as chaves do vehículo sinistrado ademais de "considerar outros perigos, como pode ser o desprendemento de gases ou incendios".

Na chamada á central do 061 é necesario "facilitar a localización exacta e correcta do lugar do accidente" e "o estado dos feridos" para que se poidan enviar os recursos sanitarios pertinentes, ademais de "seguir sempre as indicacións" do persoal do 061.

Contenido patrocinado