A asemblea aproba constituír En Marea como partido instrumental para concorrer ás galegas

Votación
EUROPA PRESS/REMITIDO
Actualizado: sábado, 30 julio 2016 18:02

   En Marea constituirase como partido instrumental para ir ás galegas

   VIGO, 30 Jul. (EUROPA PRESS) -

   A asemblea das mareas aprobou que En Marea se constitúa como partido instrumental para concorrer ás eleccións autonómicas de outono, unha votación que contou cunha maioría aplastante dos asistentes ao plenario.

   A votación tivo lugar despois dunha polémica polo documento que establece a relación entre un eventual Goberno da Xunta, o partido instrumental e o grupo parlamentario, ao respecto do que un sector, algúns deles procedentes do colectivo Cerna, pedía pospoñer para máis tarde.

    Non obstante, isto suporía atrasar tamén a cuestión do partido instrumental, polo que se rexeitou de plano esta postura. No medio da polémica, o voceiro nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras, pediu a palabra e subiu ao estrado para defender que urxía constituír o partido instrumental e logo propuxo tamén unha emenda 'in voce' sobre o resto do documento, é dicir, un compromiso de todos os presentes de que se poderían modificar algúns aspectos.

   Cando se produciu este momento, varias persoas abandonaron a sala e no grupo de Telegram, unha das formas para participar na asemblea, houbo varias chamadas á calma dos participantes para saír unidos. E moitas voces reafirmáronse en que "de pospoñer, nada".

   "En Marea adoptará a forma electoral de partido instrumental para concorrer ás eleccións ao Parlamento de Galicia", quedou aprobado na xornada de mañá. En todo caso, o nome electoral será escollido por proposta da xunta xestora, o que deixa a porta aberta a algún engadido.

   De feito, unha das claves é coñecer a decisión de Podemos Galicia en canto á súa consulta interna sobre concorrer coa súa marca propia en solitario ou apostar por unha alianza con En Marea. De saír esta última opción, se Podemos renuncia á súa marca, poderíanse incorporar a título individual, pero se a mantén, como din os documentos fundacionais de Vista Alegre, cabería a posibilidade de confluír nunha coalición, sempre e cando esta opción a propoña a xunta xestora e sexa ratificada.