Catro persoas resultan feridas nun accidente de circulación Marín (Pontevedra)

Europa Press Galicia
Actualizado: martes, 30 diciembre 2008 10:48

SANTIAGO DE COMPOSTELA 30 Dic. (EUROPA PRESS) -

Catro persoas resultaron feridas leves esta madrugada nun accidente de circulación acontecido na localidade pontevedresa de Marín despois de que o vehículo no cal viaxaban se saíse da vía e colisionase contra un muro.

Segundo informou o 112, o accidente tivo lugar ás 1.58 horas desta madrugada na estrada cara a Seixo, á altura do lugar da Porteliña, en Marín, cando o vehículo no que viaxaban as catro persoas se saíu da vía e chocou contra un muro.

Como consecuencia do accidente, Urxencias Sanitarias 061 atendeu a tres homes --J.A.S., de 35 anos; J.D.B.A., de 21 anos; e V.M.S.P., de 29 anos-- e a unha muller --M.J.D.V., de 30 anos--, que foron trasladados en estado leve ao Hospital Domínguez de Pontevedra.

INCENDIO NA CORUÑA

Por outra banda, o 112 informou dun incendio urbano producido ás 1.32 horas desta madrugada na cidade da Coruña que, se ben non provocou cuantiosos danos materiais, si obrigou a desaloxar dúas plantas dun edificio.

Segundo apuntou a central de emerxencias, un particular deu a alarma pasadas a 1.30 desta madrugada, alertando de que no seu piso "caía auga", vía "saír fume dun sexto piso" do seu edificio e "ulía a cable queimado".

Ao lugar do suceso, na rúa Rafael Alberti Nº19, desprazouse unha dotación de Bombeiros da Coruña, así como a Policía Local e unha ambulancia do 061 "por precaución".

Aínda que o incendio, provocado por unha lavadora, puido ser sufocado con rapidez, foi necesario desaloxar as persoas que vivían no sexto e sétimo piso do edificio. Segundo confirmou o 061 finalmente non foi necesario asistir ningunha persoa.

Contenido patrocinado