Un centenar de persoas maniféstanse contra Reganosa en Ferrol malia a prohibición da Subdelegación do Goberno

Europa Press Galicia
Actualizado: viernes, 9 mayo 2008 22:44

FERROL 9 May. (EUROPA PRESS) -

Máis dun centenar de persoas participaron en Ferrol na protesta convocada polo Comité Cidadán de Emerxencia da Ría de Ferrol (CEE) en contra da situación de Reganosa en Mugardos, a pesar de que a manifestación estaba prohibida pola subdelegación del Gobierno.

A protesta transcorreu sen incidentes, escoltada pola Policía Nacional e ante a presenza de varios furgóns de antidisturbios, polas distintas rúas do centro de Ferrol e con paradas ante as sedes dos principais accionistas de Reganosa, para poñer "nome e cara" aos responsables dunha instalación que o Comité considera unha "ameaza para a vida da poboación".

A mobilización celebrouse dende as 18.00 horas a pesar de estar prohibida pola subdelegación del Gobierno, que no día de onte comunicou ao Comité que a protesta non estaba autorizada debido á súa "comunicación extemporánea", ao ser solicitada sen cumprir o prazo previsto.

Non obstante, dende o Comité mantívose a convocatoria e o percorrido previsto. O seu voceiro, Manuel Rodríguez Carballeira, asegurou que a manifestación foi anunciada á subdelegación por fax o mércores, "hai 48 horas, con maior antelación que moitas das 19 concentracións que se realizaron ata o momento ante a entrada na ría de buques gaseros para Reganosa.

Rodríguez Carballeira resaltou que algunhas protestas se convocaron no mesmo día da súa celebración, porque "non sabe cando vai chegar un gaseiro", sen que ata o momento fosen nunca prohibidas. Por este motivo, censurou a postura do subdelegado do Goberno, ao que instou a "obrigar a comunicar coa suficiente antelación a entrada ilegal dos gaseros dentro da ría de Ferrol" en lugar de "intentar reprimir un dereito constitucional como é o de manifestación".

A protesta mantívose así no percorrido previsto e sen incidentes, escoltada pola Policía Nacional e ante a presenza de varios furgóns de atestados. Os manifestantes, tras unha pancarta na que demandaban o traslado de Reganosa ao exterior da ría e alertaban da "ameaza" que supón para a poboación, iniciaron a mobilización ante a Xunta de Galicia, xa que a administración autonómica participa no capital de Reganosa nun 10%.

A continuación, a marcha dirixiuse cara ao supermercado de "Gadis" no barrio de Esteiro -o Grupo Tojeiro posúe o 18% de Reganosa-, ante o que colocaron un cartel no que se lía a seguinte frase: "Sabías que Tojeiro, dono de Gadisa, é o propietario do 18% da planta de gas de Reganosa que ameaza a vida de miles de persoas, a ría e o Patrimonio?".

PROTESTAS ANTE OS SOCIOS.

Con paradas e carteis similares, continuou a protesta ante as sedes de Caixanova e do Banco Pastor -dispoñen dun 5% de Reganosa cada unha das entidades-, de Unión FENOSA -conta co 21%- e Caixa Galicia -accionista nun 10%-, ata finalizar de novo ante a praza de España. O conxunto de accionistas da regasificadora complétase coa participación nun 21% de Unión Fenosa e nun 10% de Sonatrach.

Con esta mobilización, o Comité Cidadán, constituído en 2001 por máis dun centenar de asociacións, continúa coas súas accións de protesta contra a situación de Reganosa no interior da ría, por entender que incumpre a distancia mínima esixida á poboación e que non pode acreditar que os buques gaseros realicen saídas a alto mar en casos de emerxencia.

O CEE maniféstase ademais contra a acción de dragado da entrada da ría de Ferrol que ten previsto realizar a Autoridade Portuaria, por considerar que se favorecerá a navegación dos buques cargados de GNL a custa dun importante dano medio ambiental.

Tras os primeiros meses de funcionamento en probas, Reganosa obtivo a acta de funcionamento comercial definitiva, concedida polo Ministerio de Industria, o 7 de novembro de 2007. Dende o inicio da súa actividade, xa recibiu a descarga do gas natural licuado transportado en 20 buques metaneiros. O último, o Cádiz Knutsen, con 60.000 toneladas de gas natural licuado, tiña a súa entrada prevista a Reganosa no día de hoxe.

Durante este ano o Comité continuou caceroladas de protesta ante o edificio da Xunta na praza de España en coincidencia coa chegada de buques gaseros a Reganosa. A súa oposición á regasificadora centrarase tamén na vía xudicial, tratarán de demostrar que a decisión de na que situar a planta de gas en Mugardos respondeu a intereses especulativos.

Contenido patrocinado