Actualizado: lunes, 28 julio 2014 19:31
av2" class="NormalTextoNoticia" itemprop="articleBody">

FERROL, 28 Jul. (EUROPA PRESS) -

   A Cociña Económica de Ferrol deixará de atender 90 usuarios derivados polos servizos sociais do concello debido a que, dende que hai oito meses finalizou o convenio establecido para cubrir este servizo, non foi renovado por "continuos e inxustificados atrasos" da administración local.

   A través dun comunicado, a entidade informou que a Xunta Directiva da Cociña Económica decidiu dar por finalizado este servizo, "que é alleo" ás súas funcións, a partir do próximo venres 1 de agosto, e emprázase o concello a que "defina de forma clara e concisa o seu interese e compromiso na colaboración coa asociación" tal e como, remarca, "viñera facendo durante décadas e que inclúe o pagamento do prezo simbólico dos usuarios de comedor".

   O convenio de colaboración establecido anualmente entre a Cociña Económica e o Concello finalizou hai oito meses, en novembro de 2013. Dende ese momento a entidade asegura que vén prestando de "boa fe e de forma anticipada o servizo" para usuarios de domicilio a preto de 90 persoas que son derivadas dende os servizos municipais.

   Malia isto, o concello, segundo denuncia a Cociña Económica, "veu pospoñendo a sinatura do convenio" que estaba prevista para principios deste ano 2014. A maiores, os servizos sociais "impuxeron" cambios nas súas condicións, aínda que, "sempre que foron posibles, foron aceptadas".

   Non obstante, algunhas non se poderían cumprir, como incrementar "as 90 prazas" porque son "máis do dobre das pactadas" e non hai "capacidade material".

   Nesta situación, a Cociña Económica acusa o Concello de que non acceder a buscar unha solución para un servizo que se remarca que é "responsabilidade dos servizos sociais pola súa natureza e custo". Dende a entidade conclúese lamentando as molestias que esta situación poida provocar nas familias afectadas.

   Segundo os datos achegados polo presidente da entidade, Antonio tostado, a finais de maio, a Cociña Económica atendía a unha media de 350 persoas ao día, catro veces máis que hai 7 anos. Desta cifra, antes do verán, preto de 70 usuarios eran menores de 16 anos. Nos últimos meses tívose que duplicar a quenda de comidas e de ceas para facer fronte á demanda existente.