O presidente do PPdeG aposta por que o próximo goberno da Xunta sexa o "punto de encontro de todos"
SANTIAGO DE COMPOSTELA, 26, (EUROPA PRESS)
O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, amosouse hoxe "disposto" a que lle "partan a cara por defender os intereses dos galegos" e sinalou que, con esta actitude, se presenta como candidato ás eleccións autonómicas do 1 de marzo de 2009.
Núñez Feijóo asegurou, durante o acto de entrega a 60 persoas do seu carné de afiliado ao PPdeG, que se presentou por primeira vez a liderar o partido, en 2006, nun momento "difícil" e para suceder a alguén "difícil de substituír" -- por Manuel Fraga -- e que agora repite porque, igual que naquel momento, quere "dar a cara".
No acto, no que se celebraron as 10.000 novas incorporacións ao PPdeG dende que Núñez Feijóo o preside, tamén estiveron presentes o presidente do PP estatal, Mariano Rajoy, e a dirixente popular Ana Pastor.
O líder dos populares manifestou a súa confianza en que "dentro de pouco" haberá que chamar o candidato popular á Xunta "presidente Feijóo". "Imos gañar as próximas eleccións e imos gobernar", proclamou e confiou, ademais, en que o PPdeG chegará aos 38 escanos, a maioría absoluta.
Rajoy afirmou que a "primeira obriga" dun goberno é resolver os problemas "e non os crear, que é o que fixeron Zapatero e o pintoresco Gobierno da Xunta. Neste sentido, criticou a xestión do Executivo liderado por Emilio Pérez Touriño, que non fixo "do importante, nada" e que, se ben recibiu unha Galicia en crecemento económico, "a deixa en recesión"
Tanto o presidente do PP nacional como Núñez Feijóo, fixeron fincapé na política agraria, que Rajoy cualificou de "fracaso palmario e descomunal". Así mesmo, denunciou que as medidas incluídas no Plan Galicia non foron aplicadas.
Por todo iso, considerou que o cambio político en Galicia "é unha necesidade nacional e unha urxencia". Respecto a se catro anos foron pouco tempo para o actual Goberno, asegurou que "é mellor" que sexa así para evitar que se prolongue a súa xestión e indicou que o debate non é "que o fixeran mal catro anos, senón se o vai seguir facendo mal outros catro" ou, por a contra, "vén un goberno que tome as cousas en serio".
PRESIDENTE "PREVISIBLE"
O candidato popular á Xunta afirmou que non se esconderá e aproveitou para criticar as actuacións do Goberno galego en asuntos como a liña de alta velocidade ferroviaria para Galicia, a negociación da cota láctea na Unión Europea (UE) ou as negociacións para pactar un novo modelo de financiamento autonómico. Neste sentido fixo especial mención ao conflito xerado a raíz do concurso eólico.
"O próximo presidente", dixo en referencia a si mesmo, "será previsible". "Se teño que cesalos, cesarei conselleiros", proclamou e asegurou que un goberno dirixido por el non gastará esforzos en "pelexar entre si", senón que os inverterá en crear emprego.
Neste sentido dixo que Galicia ten un "excelente futuro" e fixo un chamamento á "esperanza" porque as cousas "poden ser diferentes" e a comunidade galega pode ter un goberno "unido".
"PUNTO DE ENCONTRO"
Tamén en clave electoral, Núñez Feijóo afirmou que o próximo goberno da Xunta "ten que ser o punto de encontro de todos os galegos". "Galicia ten que ser a suma de todos", remarcou e defendeu que o PPdeG non é un partido "en contra de ninguén, senón a favor da maioría". Así mesmo, prometeu "non gobernar para os que teñen carnés" de militantes.
O líder dos populares galegos considerou que "chegou o momento de gobernar sen rancor, sen vaidades, sen escándalos, sen divisións, sen mirar aos carnés, mirando a todos os galegos".
"Non vos quede dúbida de que imos gañar as autonómicas", dixo, porque Galicia "necesita dunha renovación que depure os vicios adquiridos, agrandados e innovados" polo bipartito". Apostou, por a contra, por un goberno "con principios", que sume esforzos nos momentos de dificultade e non os gaste "na división" para así "saír da crise crecendo".
Núñez Feijóo dixo a Rajoy que entendía que quixese que Galicia fose o lugar no que se iniciase a entrega de carnés os novos militantes, xa que el mesmo é un militante do PPdeG e porque a formación galega "foi, é e será un referente permanente do PP" estatal. Neste sentido reivindicou o papel de Manuel Fraga como fundador do partido.
Destacou, así mesmo, que a renovación do PPdeG, iniciada en 2006 serviu como "referencia" ás acometidas polo PP noutros puntos de España e á iniciada con carácter xeral este ano.
O éxito, asegurou, non foi que el gañase, senón que hoxe se presenta "un equipo unido" que está "presto para presidir Galicia" e que mantén a súa forza e é capaz de "incrementala día a día", como poñen de manifesto as 10.000 incorporacións ao PPdeG dende que o preside, aos que prometeron "lealdade e principios".