O Fiscal de Medio Ambiente abre dilixencias para investigar a autorización da mina de andalucita de As Pontes

Actualizado: jueves, 6 mayo 2010 21:08

FERROL, 6 May. (EUROPA PRESS) -

O Fiscal de Medio Álvaro García Ortiz abrirá dilixencias preprocesuais para investigar a declaración de impacto ambiental favorable concedida pola Xunta á mina de andalucita que a empresa Picobello S.L. prevé construír en As Pontes, segundo informaron hoxe as asociacións ecoloxistas Adega, A.M. Augas Limpas, SGHN e Verdegaia, tras reunirse co titular da Fiscalía.

As catro entidades, en representación dos 16 colectivos contrarios á instalación da mina de andalucita a ceo aberto na zona de Pico Lanuxe, trasladáronlle á Fiscalía os motivos da denuncia que presentaron contra a tramitación do proxecto. Sosteñen que suporá a "destrución irreversible do lugar" e afectará gravemente ao río Belelle e o Parque Natural Fragas do Eume.

Humberto Fidalgo, representante de Adega, explicou a Europa Press que o Fiscal pedirá á Xunta de Galicia información sobre a tramitación administrativa e sobre supostos "defectos de forma" que, a xuízo dos ecoloxistas, recolle a declaración de impacto ambiental. O problema de maior gravidade, segundo asegurou Fidalgo, reside en que o estudio "ignora" toda a cunca do río Belelle "que se vai ver afectada".

"O fiscal quere coñecer todo o expediente de tramitación, que é estraño que durmise nun caixón durante catro anos e que agora volva xurdir,", subliñou Fidalgo. O pasado 11 de marzo o Diario Oficial de Galicia publicou a aprobación do Estudio de Impacto Ambiental do proxecto, por parte da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

O visto bo chegou nove anos despois de que a empresa Picobello Andalucita S.L. iniciase os trámites para a explotación mineira da zona, e despois de que en setembro de 2006 a Xunta formulase unha declaración ambiental "non viable".

"GRAVE CONTAMINACIÓN"

Adega asegura que a mina de andalucita suporía a eliminación definitiva e irreversible das fontes principais do río Belelle, o que afectaría gravemente tanto á cantidade como á calidade das súas augas, que subministran a parte de Ferrol, A Capela e Neda.

O colectivo ecoloxista engade que os danos da mina se deixarían notar no Parque Natural das Fragas do Eume, porque a entulleira se situaría xusto sobre o rego Maciñeira, afluente do Eume, o que suporía unha "grave contaminación por lixiviar e escorrentías". Tampouco a franxa de protección, de 50 metros, sería suficiente, segundo Adega, para evitar danos no Parque Natural.

A andalucita é un mineral usado para siderurxia e fabricación de cerámicas refractarias. O seu depósito está situado nunha zona proposta para a ampliación da Rede Natura.

Neste sentido, Adega explica que o monte Fontardión é o único corredor ecolóxico entre o Parque Natural do Eume e o L.I.C. Xubia-Castro. Os 16 colectivos veciñais que se opoñen á mina de andalucita convocaron ademais unha ruta reivindicativa que o próximo 15 de maio percorrerá 3 quilómetros da zona do Pico Vello.