SANTIAGO DE COMPOSTELA 2 Ene. (EUROPA PRESS) -
Un avión que realiza labores de vixilancia no mar avistou esta mañá nas proximidades de Corrubedo, na Coruña, os restos dunha embarcación así como varios fardos de cor verde e marrón e un chaleco salvavidas á deriva no mar.
Así o explicou hoxe en declaracións e Europa Press o 112, que recibiu a alarma da central de Salvamento Marítimo en Fisterra. Tras recibirse a alerta, dirixíronse á zona embarcacións de Salvamento marítimo que remolcaron os restos ao porto de Camariñas, a onde chegou sobre as 15.30 horas.
Así mesmo, dende o 112 mobilizouse o helicóptero Pesca I, pertencente á Consellería de Pesca, para rastrexar a zona e comprobar que non houbese ningunha persoa na auga, dados os indicios atopados.
Fontes do Porto de Camariñas informaron a Europa Press que o barco "podería ser do narcotráfico", polos fardos atopados. En estes momentos a embarcación, de entre 7 e 8 metros de eslora, semiríxido, con varios motores e de cor gris, atópase no porto, onde a Guardia Civil xa iniciou a investigación.
Segundo apuntou o 112, a Guardia Civil leva "varios días" buscando o barco, que podería ser o mesmo que hai dous días provocou unha alerta por avistamento dunha embarcación á deriva fronte ás costas de Galicia e que nun primeiro momento se creu que podería ser falsa.