SANTIAGO DE COMPOSTELA, 26 Dic. (EUROPA PRESS) -
O tenente coronel da Guardia Civil José Luis Ulla Rega, xefe da Agrupación de Tráfico en Galicia, asegurou hoxe en Santiago que se reforzarán os controis de velocidade na recén inaugurada autovía do Barbanza, tras rexistrarse onte o primeiro accidente mortal dende a súa apertura á circulación.
Preguntado durante a rolda de prensa de presentación dunha campaña de seguridade vial sobre o sinistro mortal, o tenente coronel Ulla fixo tamén un "chamamento á prudencia".
Así mesmo, subliñou que é "necesario" abordar este tipo de condutas de xeito obxectivo. Ademais, afirmou que unha condución imprudente é tamén unha "manifestación de violencia".
EXCESO DE VELOCIDADE
Pola súa banda, a conselleira de Política Territorial, María José Caride, lamentou as consecuencias do accidente -- no que faleceu un mozo e outros dous de 22 anos resultaron feridos -- e afirmou que, de non dispoñer desta infraestrutura vial, inaugurada este mes, "probablemente a desgracia sería peor".
Caride insistiu en que a autovía conta con "excelentes condicións de seguridade", mentres que Ulla achacou a causa do accidente mortal ás circunstancias climatolóxicas e ao exceso de velocidade.
Así, o tenente coronel explicou que o vehículo impactou primeiro contra a mediana e "rebotou" despois contra o noiro exterior a uns tres metros de altura, debido á velocidade. "Como aconteceu alí, puido suceder en calquera parte", concluíu, ao tempo que matizou que o condutor contaba con "pouca experiencia", xa que tiña un ano e sete meses de carné.