SANTIAGO DE COMPOSTELA 10 May. (EUROPA PRESS) -
O Día das Letras Galegas, que se conmemora o 17 de maio e que este ano se dedica a Xosé María Álvarez Blázquez, celebrarase en numerosos lugares de todo o mundo grazas a actividades programadas polos lectorados de galego que teñen lugar en distintas universidades.
Música, teatro, poesía, charlas, conferencias, concursos e degustacións gastronómicas foron algunhas das propostas festivas dos centros de estudios galegos do exterior, que contribúen a "proxectar a lingua e a cultura de Galicia" fóra da comunidade, segundo informou a Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Deste modo, Barcelona, Vitoria, París, Roma, a polaca Varsovia e as alemás Heidelberg e Tübigen son algunhas das cidades nas que se homenaxeará ao escritor da localidade pontevedresa de Tui; que acollerán tamén proxeccións de películas e documentais de factura galega.