Luis E. Froiz e Carlos Pensado estrean o documental 'Escuros, roncos e compasados' sobre o 'death metal' galego

Cartel Del Documental Sobre Death Metal 'Escuros, Roncos E Compasados'
EUROPA PRESS
Actualizado: domingo, 24 junio 2012 20:20

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 24 Jun. (EUROPA PRESS) -

Os directores galegos Luis E. Froiz e Carlos Pensado estrearán o próximo 29 de xuño --venres--, en Santiago de Compostela, o documental 'Escuros, roncos e compasados' sobre a escena 'death metal' dos anos noventa en Galicia.

Tras un ano de traballo, Froiz e Pensado presentan un documental que recolle ao redor de 30 testemuños de diversos grupos como Absorbed, S.O.K., Wisdom, Dismal, Unnatural ou Detestor, nun período de tempo que abrangue dende finais da década dos oitenta ata o ano 1999.

En declaracións a Europa Press, o director Luis E. Froiz explicou que esta obra busca sacar á luz "un movemento que case ninguén coñecía" cando comezou, o cal "está moi esquecido" en Galicia "a pesar do seu interese" e influencía a nivel estatal.

Esta obra indaga nas relacións entre os propios grupos que compoñían a escena galega desta corrente musical "cando era moito máis difícil" dedicarse ao death metal. "Aínda que tampouco sexa máis doado agora, por entón comezouse con moi poucos medios e nun momento complicado".

Concibido como un recoñecemento aos impulsores "esquecidos" que introduciron o 'death metal' en territorio galego, tamén se pon atención nos fanzines que trataron o movemento na época e conta coa recompilación de diferentes actuacións en directo.

Deste modo, a estrea de 'Escuros, roncos e compasados' terá lugar na Sala Mozart del Auditorio de Galicia, en Santiago, cun auditorio limitado a 250 persoas logo de convite.

DISTRIBUCIÓN E MEDIOS PRECARIOS

Segundo explica Froiz, o documental tamén se distribuirá nunha tiraxe exclusiva de DVDs e coa intención de movelo a través de festivais de cinema. Posteriormente, será colgado en Internet con licenza libre 'Creative Commons'.

Todo iso, realizado con medios "moi precarios", financiamento a conta dos propios directores e coa colaboración de diversos amigos e coñecidos.