LUGO 29 Dic. (EUROPA PRESS) -
O presuposto da Deputación de Lugo ascenderá a 142 millóns de euros para o próximo ano nunhas contas nas que se inclúen as partidas para os organismos dependentes do ente provincial. Estas partidas, que se debaterán nun pleno que se celebrará mañá, experimentan un incremento do 2,70 por cento con respecto ao exercicio en curso.
Así avanzouno en rolda de prensa o presidente provincial, o socialista José Ramón Gómez Besteiro, que compareceu acompañado polo vicepresidente, o nacionalista Antón Bao, e pola deputada delegada da área de Economía, Regina Polín.
José Ramón Gómez Besteiro afirmou que este é "un presuposto realista, como esixe a situación económica actual, onde se tiveron en conta os criterios e variacións marcadas no Plan Económico Financeiro 2008-2011, aprobado polo pleno o pasado 29 de xullo" e o primeiro que se deseña baixo o paraugas deste plan.
LIÑAS BÁSICAS
Besteiro concretou que as partidas para 2009 se articulan sobre "tres liñas básicas"; a de "afrontar as débedas históricas" como o pagamento do canon enerxético, a "cooperación cos concellos" e "unha clara aposta tecnolóxica e ambiental".
Na súa intervención, o vicepresidente Antón Bao apuntaba que co devandito presuposto "se consolida unha área inexistente nesta institución, a do benestar". "Ademais consolidaremos e ampliaremos o traballo habido este ano nas áreas de cultura, deportes e turismo," continuou.
CRÍTICAS PP
Previamente, o voceiro dos 'populares' na provincia, José Manuel Barreiro, acusou o bipartito provincial de ser "malos xestores", por deixar de executar no presuposto de 2008 e as partidas que presentarán mañá para a súa aprobación.
Barreiro fixo especial fincapé en que o presuposto para o próximo ano "non axudará a paliar a crise económica", xa que se rebaixa nun 7,5 por cento dos investimentos, segundo dixo.