O PPdeG critica que Cultura gastou máis na Feira de Cuba que en fomentar a lectura en 2007 e ve "nula" a súa repercusión

Europa Press Galicia
Actualizado: domingo, 11 mayo 2008 16:27

SANTIAGO DE COMPOSTELA 11 May. (EUROPA PRESS) -

O voceiro de Cultura do Grupo Popular, Ignacio López-Chaves, criticou hoxe que a Consellería de Cultura "gastou máis en 15 días na Feira do Libro de La Habana que en todo 2007 en fomento da lectura", á vez que sinalou a "case nula" repercusión económica para Galicia.

Para iso, utilizou datos do Instituto de Comercio Exterior (ICEX) para cifrar en 17.000 euros o valor das exportacións culturais de Galicia no país caribeño e ironizou asegurando que o "auténtico negocio" foi para Cuba, posto que Galicia importou produtos por valor de 200.000 euros.

Ademais, aludiu ao gasto recoñecido polo departamento autonómico de 1.300.000 euros dos fondos públicos e criticou que a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, "non está a defender os intereses de Galicia, senón que actúa como unha auténtica axente comercial da cultura e o Goberno cubano".

Polo tanto, para o deputado 'popular' queda "demostrado" que a viaxe a Cuba "non só foi un dispendio, senón que resultou ser un nefasto negocio para os galegos", posto que, "para exportar un euro" a Cuba en industrias culturais, Cultura "gastou máis de 76".

Non obstante, recordou que "aínda" se descoñece o custo total que a participación nesta feira tivo para os fondos públicos, posto que defendeu que Cultura "oculta datos" sobre os custos de preparación e organización do evento.

Contenido patrocinado