OURENSE, 9 May. (EUROPA PRESS) -
O deputado provincial do PSOE na Deputación de Ourense e tamén alcalde de Carballiño, Carlos Montes, denunciou hoxe o concurso "fraudulento" para o acceso da muller do voceiro do PP en Carballiño a un posto como técnico superior da Unidade de promoción e Desenvolvemento, dependente da institución provincial ourensana.
Carlos Montes explicou, acompañado pola parlamentaria Laura Seara e o senador Miguel Fidalgo, que esta situación xa foi denunciada polo grupo provincial da Deputación "antes das eleccións municipais", "cando a muller do voceiro do PP de Carballiño, Argimiro Marnotes, se presentaba á devandita praza pero voluntariamente renunciou a esta antes dos comicios".
O voceiro do grupo provincial socialista asegurou que xa naquel momento dende o PSOE denunciaban que este concurso para acceder ao equipo da Deputación era "fraudulento". O pasado día 7 de maio volveu celebrarse a proba
Montes anunciou que esta mañá saíu a lista de aspirantes á devandita praza na institución provincial e "novamente está a muller do voceiro popular", Montserrat Rodríguez, no posto número un da lista, cunha nota de 6,2 "fronte aos demais aspirantes cun 0 de puntuación cada un salvo unha aspirante que ten un 0,10".
Así mesmo, Montes asegurou que o tribunal que avalía os aspirantes á praza está constituído polo "fillo do alcalde de Monterrei, o fillo do ex alcalde de Santo Amaro e o propio interventor da Deputación". Engadiu que os cargos políticos "non poden formar parte do tribunal" polo que "o fan os familiares" con propia adscrición á Deputación".
Neste sentido, Carlos Montes afirmou que este e "un exemplo" da política de persoal que se está a "levar a cabo" na institución provincial ourensana, "actuando con sarcasmo, irrealismo e ironía". Engadiu que esta situación é extrapolable ás listas municipais do PP "en calquera lugar da provincia de Ourense" onde "xente que ía nestas listas forma parte agora do persoal da Deputación".
PARALIZAR O PROCESO.
Por todo iso, o grupo provincial do PSOE presentará de forma urxente unha moción para "paralizar de inmediato" este proceso que "aínda non está finalizado" e no que "se está a actuar con fraude de lei"
Montes argumentou este extremo nas bases da propia convocatoria "que non foron consensuadas", na propia constitución do tribunal, e en que na lista de aspirantes "hai xente que xa forma parte do persoal da Deputación" e que actúan como "cobaias para inflar esta lista de aspirantes".
Para o deputado provincial, o "máis grave" é que "todo aquel que non se presenta á proba" non o fai porque "xa sabe que a praza está dada de antemán". Carlos Montes apuntou que "cada un dos deputados socialista recibiron no seu día unha carta antes da convocatoria desta selección onde nos dicían quen ía ser a beneficiaria desta praza".
Por último, considerou que está situación é un "escándalo" porque a Deputación de Ourense "non pode ser un albergue" para unha política clientelar descarada" e se comprometeu a "cambiar as cousas" cando o PSOE "goberne a Deputación" para que "todos teñan igualdade de oportunidades" no acceso ás devanditas prazas".
Pola súa banda, a deputada autonómica Laura Seara anunciou que a través do Parlamento de Galicia, os socialistas solicitarán que neste caso "interveña" o Consello de Contas na Deputación ourensana "ante este escándalo" porque "é sumamente grave".