Xornal.com decide pechar un mes despois de desaparecer a cabeceira impresa e 40 profesionais perderán o seu traballo

Colexio de Xornalistas, Asociación da Prensa de La Coruña e BNG lamentan a perda de postos de traballo e o peche

Europa Press Galicia
Actualizado: lunes, 19 septiembre 2011 21:39

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 19 Sep. (EUROPA PRESS) -

Xornal.com, empresa de Udramedios propiedade do Grupo San José, pechará a súa edición dixital a finais deste ano e presentará un ERE de extinción para os 40 traballadores que conforman actualmente o equipo deste xornal dixital.

Os avogados da editora anunciaron na tarde deste luns ao comité de persoal a presentación dun ERE de extinción e o comezo das negociacións para os despedimentos. Esta decisión empresarial supón a perda 38 postos de traballo (22 indefinidos e 16 temporais), aos que habería que sumar os que abandonaron o proxecto tras a desaparición do diario en papel.

A presidenta do comité de empresa, Alba Suárez, confirmou a Europa Press que este mesmo luns foi comunicado por parte da empresa o ERE.

O comité de empresa quere reivindicar a "profesionalidade" de todos os traballadores que conforman actualmente o equipo e os que se foron por distintas circunstancias, e expresou que a "expectativa" que existía ata agora era a de reforzar a versión dixital de Xornal.com.

Neste sentido, Alba Suárez asegurou que os profesionais deste medio apostaban pola "viabilidade xornalística" do proxecto, así como pola súa "viabilidade como empresa".

"MENOS DIVERSIDADE"

Tras coñecerse a noticia, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) lamentou a decisión de Udramedios, propietaria do Grupo San José, de pechar esta cabeceira, un mes despois de que o deixase de facer a súa versión en papel.

Así, o CPXG se solidariza cos case 40 traballadores que perderán o seu posto de traballo antes de que remate este ano e critica que a editora "se bote atrás na medida en que anunciase" en agosto, de que "centraría os seus esforzos na consolidación da edición dixital".

Ademais, o colexio advirte de que o peche de Xornal.com é unha "perda para a diversidade informativa" da sociedade galega, e supón, despois de 13 anos de existencia na Rede, "unha grande oportunidade perdida para construír un xornal dixital cun equipo de profesionais contrastados e co respaldo dun proxecto empresarial" que, como se acaba de evidenciar, "non tiña tal consistencia ou a vocación informativa necesarias".

ASOCIACIÓN PRENSA DA CORUÑA

Pola súa banda, a Asociación da Prensa da Coruña (APC) tamén remitiu un comunicado no que "lamenta profundamente" a decisión adoptada pola empresa editora de xornal.com no sentido de poñer fin a unha aventura xornalística que se iniciou fai xa máis dunha década.

O anunciado peche do dixital editado en A Coruña pola construtora San José está previsto para antes de que finalice o ano, segundo comunicou esta mañá a parte empresarial aos representantes dos traballadores.

Neste sentido, a asociación critica que esta decisión "deixa sen efecto o compromiso contraído no seu día pola empresa cos traballadores", no sentido de continuar co proxecto e reforzar un dixital, que se convertera nun dos máis seguidos en Galicia, o que avalaba a súa viabilidade económica unha vez pechada a edición en papel.

A APC recurda que o peche de xornal.com se produce nun momento de crise xeneralizada da economía, "circunstancia que provoca un especial desasosego no conxunto da sociedade e, moi particularmente, nun colectivo tan exposto á precariedade laboral como é o dos xornalistas".

Neste sentido, a APC recorda que "a precariedade é un dos grandes problemas á que se enfronta a profesión xornalística". Así, a APC dirixiuse aos responsables gobernamentais para esixirlles que adopten medidas contundentes contra unha práctica desgraciadamente xeneralizada na profesión.

A APC transmitiu a súa solidariedade aos compañeiros de xornal.com e pon a disposición destes os servizos xurídicos desta organización.

"MENOS GALEGO E MENOS PLURALISMO"

Pola súa banda, o BNG tamén emitiu un comunicado de prensa no que "lamenta" o peche de Xornal.com, porque "representa unha mingua para o pluralismo mediático do país", e quixo "mostrar ante todo" a súa "solidariedade" cos traballadores afectados pola desaparición de este medio dixital.

Para os nacionalistas, a desaparición dunha cabeceira "significa sempre o empobrecemento do debate público" nunha sociedade que se di avanzada". Neste sentido, constatou que dende que goberna o PP en Galicia "cada día hai menos presenza da lingua galega e cada vez hai menos pluralismo nos medios de comunicación" do país.

Ademais de Xornal.com, nas últimas datas pecharon outros medios de comunicación como 'Galicia Hoxe', o único diario impreso integramente en galego, así como o semanario 'A Nosa Terra', que tamén era editado en lingua galega. Outros proxectos de comunicación nesta lingua, pero editados en Internet, tamén se foron pechando como o caso de 'Vieiros'.

Contenido patrocinado