A Deputación de Pontevedra premia con 11.400 euros os gañadores dos Premios de Investigación 2006

Actualizado 04/05/2007 20:42:22 CET

PONTEVEDRA, 4 May. (EUROPA PRESS) -

A Deputación de Pontevedra vai repartir 11.400 euros entre os oito gañadores dos Premios de Investigación 2006, dividida en varias categorías e áreas temáticas, como ciencia e tecnoloxía, humanidades e ciencias sociais.

Paula Álvarez Iglesias, da Facultade de Ciencias Experimentais de Vigo, e Francisco Campos Pérez, de Redondela, foron galardoados con 1.500 euros cada un por senllas teses de doutorado, na área de Ciencias e Tecnoloxía, sobre a enseada de San Simón e a anatoxina-A.

Nesa mesma especialidade tamén foi distinguida con 1.200 euros Belén Riveiro Rodríguez, de Cotobade, polo seu proxecto fin de carreira sobre o pindo no monte Val de Nocedo. Na categoría de investigación xuvenil, Lorena Freire Piñeiro, de Vigo, recibirá 1.500 euros por un traballo sobre a utilización do residuo de transformación do granito da bisbarra do Porriño como posible inhibidor da corrosión do aceiro ao carbono.

Na área de Humanidades e Ciencias Sociais, Emma Torres Romay, de O Grove, e Marta García Filgueira, de Vigo, recibirán 1.500 euros cada unha polas súas respectivas teses de doutorado sobre a 'guerra do fletán' e a análise da obra arquitectónica de Domingo Rodríguez Sesmeros e Alejandro Rodríguez Sesmeros González.

A tese de licenciatura premiada nesta especialidade corresponde a María Luisa Castro Lorenzo, da Coruña, por un traballo sobre a vaixela de luxo en Santiago durante os séculos XVI e XVII, pola que recibirá 1.200 euros.

Finalmente, na categoría de investigación xuvenil resultou premiada, con 1.500 euros, Cristina Martínez Tejero, da Cañiza, por un estudio sobre os acontecementos tratados no diario Faro de Vigo durante 1968.