A empresa galega Metaldeza fabrica a segunda batea metálica autoflotante para o IRTA da Generalitat

É capaz de soportar as condicións máis duras de ondada, correntes e temporais sen sufrir ningún tipo de dano

Europa Press Galicia
Actualizado: miércoles, 20 junio 2007 14:21

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 20 Jun. (EUROPA PRESS) -

A empresa galega Metaldeza fabricou a segunda batea metálica autoflotante, despois de que o Instituto de Investigación e Tecnoloxía Agroalimentaria (IRTA), empresa pública da Generalitat de Catalunya, adquirise unha composta por seis módulos. As características de cada módulo son tres metros de ancho por 6,7 metros de longo e o peso de cada un é de 3.000 quilos, polo que o peso total é de 18.000 quilos.

A finalidade do IRTA era sacar a cría de mexillón a mar aberto nos meses de verán, debido a que as altas temperaturas que alcanza a auga na costa mediterránea mata ás crías de mexillón.

A Batea Modular autoflotante, deseñada por Metal Mariñar Punt en colaboración co Centro de Enxeñaría Mecánica e Automoción da Universidade de Vigo e fabricada por Metaldeza, trouxo a solución a este problema, xa que é capaz de soportar as condicións máis duras de ondada, correntes e temporais sen sufrir ningún tipo de dano, como xa demostrara o prototipo colocado nas costas de Ceuta, unha das zonas máis duras da nosa xeografía mariña.

A Batea Modular autoflotante adquirida polo IRTA xa se atopa instalada en mar aberto ocupando unha superficie aproximada de 150 metros cadrados "e con ela salvaranse unha grande cantidade de cría de mexillón", destacou Metaldeza.

Contenido patrocinado