Investigadores producen alimentos para que pacientes con trastorno de sono asimilen nutrientes e "non se cansen"

Tamén fabricarán produtos para persoas con alzheimer, síndrome de Down e enfermidades neurodexenerativas

Europa Press Galicia
Actualizado: sábado, 25 julio 2009 15:07

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 25 Jul. (EUROPA PRESS) -

Os investigadores da empresa compostelana Nutri Up preparan a creación de varias gamas de produtos de alimentación destinadas a pacientes que recibiran tratamento de quimioterapia, anciáns con alzheimer ou persoas que sufran trastorno de sono.

Entre as súas liñas de estudio, esta compañía de base biotecnológica tamén inclúe a fabricación de alimentos para persoas con síndrome de Down e enfermidades neurodexenerativas. Segundo destacou o técnico en I+D de Nutri Up Javier Poza a finalidade da súa investigación é xerar "produtos saudables e funcionais ao mesmo tempo".

Na actualidade aínda non sacaron "nada ao mercado", segundo indicou Poza en declaracións a Europa Press, pero adiantou que "nun ano ou ano e medio" esperan ter os primeiros resultados e aplicalos nun "elenco moi variado de produtos".

Así, o formato variará entre a vía oral, "en po, en iogur ou batido", ou a través de sonda. "A vía oral é preferible, sempre que sexa posible para o paciente", sinalou.

Segundo explicou, nas instalacións de Nutri Up --no polígono industrial de Milladoiro-- traballa un "abano variado" de biólogos, químicos, enxeñeiros agrónomos e expertos en nutrición e dietética. Os químicos encárganse de orientar a formulación, mentres os dietistas levan o apartado da asimilación de nutrientes.

VIXILANCIA TECNOLÓXICA

O proceso que seguen céntrase, en primeiro lugar, na "vixilancia tecnolóxica", que consiste en estudar bases de datos de revistas científicas para coñecer os últimos avances en materia de alimentación para este tipo de pacientes. "A partir de aí, poñémonos co desenvolvemento do preparado alimenticio", subliñou.

Na actualidade, a compañía atópase á espera dunha subvención da Xunta que lles levará a colaborar, no ámbito autonómico, coa Sociedade Galega de Servizos Sociais (Sogaserso). Á parte, tamén desenvolverán outros estudios con xeriátricos de fóra da comunidade.

Estudios internacionais sobre o trastorno do sono revelan que unha determinada nutrición é "relevante" para que o individuo asimile a alimentación e que, deste modo, "non note tanto o cansazo", apuntou Poza, en declaracións a Europa Press.

Así mesmo, resaltou que os pacientes que reciben quimioterapia adoitan ter o sistema inmunolóxico "debilitado", como consecuencia da radiación que recibe o seu organismo. Para paliar que unha alimentación normal lles produza síntomas como úlceras, diarreas ou alerxias, Nutri Up elabora un preparado alimenticio co que lles custe menos a asimilación da nutrición.

Nutri Up, que naceu en 2007, iniciou os seus estudios sobre alimentación para grupos específicos a finais de 2008. Este ano recibiu dous premios á iniciativa emprendedora, grazas aos que asistiron a un curso formativo na Universidade de Cambridge e manteñen contacto con grupos de investigación de Estados Unidos. "O Noso proxecto require un estudio previo denso, pero a ver se nun ano e medio podemos ter algúns produtos listos", concluíu o técnico.

Contenido patrocinado