Ourense inaugura o seu primeiro parque público cuxa enerxía procede de paneis solares fotovoltaicos

Actualizado: lunes, 2 abril 2007 18:38

As instalacións levan o nome da profesora ourensana Angelita Paradela, que abre a nomenclatura feminina nestes espazos

OURENSE, 2 Abr. (EUROPA PRESS) -

A cidade de Ourense conta co primeiro parque público, situado no barrio dos Rosales, cuxa enerxía procede de paneis solares fotovoltaicos, tras ser inauguradas hoxe as instalacións polo alcalde, Enrique Nóvoa, e convértense tamén nas primeiras destas características que levan o nome dunha muller.

Trátase dun parque público que ten unha extensión de case 20.000 metros cadrados e que contou cunha inversión de 400.000 euros, procedentes dos fondos europeos Feder, en colaboración coa institución municipal ourensana.

As instalacións, situadas ao lado do CEIP Amadeo Barroso, contan cunha pista pavimentada de 800 metros cadrados onde se pode, entre outras cousas, patinar; un zona de esparexemento dotada con mesas de pedra, bancos e fontes; e zonas de paseo nas que foron respectadas as súas orixes, porque está composta por piñeiros mansos e que se preservaron dende o punto de vista ambiental.

O parque, que dende hoxe leva o nome da profesora ourensana Angelita Paradela, constitúe o primeiro que conta con nome de muller na cidade de Ourense e tamén o primeiro no que se aposta polas enerxías renovables.

O alcalde de Ourense, Enrique Nóvoa, mostrouse "moi satisfeito" polo resultado destas instalacións, xa que, ao seu xuízo, marcarán "un antes e un despois" nos lugares de esparexemento da cidade de Ourense, que "a partir de agora contarán con sistemas de aproveitamento de enerxías renovables".

NOMES DE MULLER

Así mesmo, o rexedor municipal ourensano mostrouse "orgulloso" de que o parque "leve nome de muller" posto que o concello "apostou por poñer o nome de muller a varias rúas da cidade e agora tamén o fai cos parques".

Deste modo, o alcalde de Ourense manifestou que este proxecto marcará "un antes e un despois" na aposta que o Concello de Ourense pretende facer por a enerxías renovables, así como polos espazos verdes, xa que a cidade conta na actualidade con "máis de 1,1 millóns de metros cadrados" de zonas de ocio e esparexemento.