Universidade de Vigo e empresa CIS patentan unha boia que achega datos de calidade das augas en tempo real

Actualizado: martes, 15 septiembre 2009 21:44

VIGO, 15 Sep. (EUROPA PRESS) -

A Universidade de Vigo e a empresa CIS (Centro de Investigacións Submarinas SL.) patentaron unha boia intelixente, capaz de monitorizar a calidade das augas, que achega datos en tempo real e cun custo de mantemento mínimo.

A chamada 'HidroBoya' foi presentada hoxe no campus vigués polo profesor de Telecomunicacións, Xulio Fernández; o director da área de Programas de Transferencia da Universidade, Lorenzo Pastrana; e o representante da empresa, Carlos Durán.

Concretamente, trátase dun sistema tecnoloxicamente moi superior a calquera dos que se usan na actualidade, que xa foi rexistrado na oficina de patentes de Estados Unidos, e que permite mostras a diferentes profundidades, e obtención de datos múltiples e precisos --que se poden consultar en tempo real--. Así, presenta, como principal vantaxe fronte ás boias tradicionais, o seu menor custo e maior período de vida útil.

A innovación da 'Hidroboya' vén dada polo seu sistema de mostraxe, con sensores en compartimentos pechados, que non están en contacto coa auga agás no momento de facer as medicións, polo que manteñen o seu perfecto estado de funcionamento. Os sensores tradicionais, pola contra, han de limparse e calibrarse cada dous semanas debido á corrosión e aos problemas xerados por estar mergullado.

Ademais, esta boia permite realizar análise a calquera profundidade cun único sensor. Así, baléirase todo o sistema mediante aire comprimido e, cando se vaia facer a análise, déixase que a auga suba ata o sensor --situado por debaixo da liña de flotación--.

A 'Hidroboya' nace co aval da Oficina Nacional de Patentes de Estados Unidos. Polo momento conta cunha patente "provisional e secreta" e, ao cabo de 18 meses, sairá publicada como patente definitiva. Nese momento, será cando as empresas e centros de investigación interesados poderán acceder ao produto.