Uns 300 alumnos asisten á xornada sobre videoxogos do Centro Tecnolóxico Gradiant

Actualizado: lunes, 16 noviembre 2009 21:34

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 16 Nov. (EUROPA PRESS) -

Uns 300 alumnos de seis institutos da provincia de Pontevedra asistiron hoxe á xornada sobre videoxogos que organizou o Centro Tecnolóxico das Telecomunicacións Gradiant con motivo da celebración da 'Semana da ciencia'.

O acto consistiu nunha conferencia-demostración sobre a creación de videoxogos, e contou coa colaboración da empresa galega Continental Games e o financiamento da Dirección Xeral de I+D+i da Consellería de Economía e Industria.

Así, o director de Continental Games, Carlos Fernández, repasou a historia deste tipo de programas e explicou que traballan na elaboración de novos xogos para ordenador, Wii e nun proxecto de cómics animados para iPhone.

"Hai que deixar claro que non só se poden facer videoxogos en Galicia, senón que a día de hoxe xa se están a facer", recalcou e informou os estudantes das vías a seguir para dedicarse a esta industria.

Neste sentido, explicoulles que, en función da "parte de desenvolvemento", se debe estudar programación, telecomunicacións ou belas artes, tras o que incidiu en que "hai que especializarse nunha parte do proceso".

DEMOSTRACIÓN PRÁCTICA

Pola súa banda, o coordinador do grupo especializado en información multimodal de Gradiant, Daniel González, mostrou "de forma práctica" as iniciativas que desenvolve o centro baseadas en biometría.

"Aínda que algunhas das cousas que vedes parecen ciencia ficción, debedes saber que están moi preto de ocupar grande parte das nosas vidas, en temas de seguridade, publicidade ou videoxogos", explicou ao público asistente.

Como exemplo, deu a coñecer o sistema de recoñecemento facial que usa Gradiant nas súas instalacións, o de recoñecemento e ocultación automáticos de caras e a inmersión en contornos 3D, ademais de proxectar videos sobre realidade aumentada.