A Xunta destina 170.000 euros para implantar un tacógrafo dixital no sector dos transportes

Actualizado: miércoles, 4 julio 2007 15:00

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 4 Jul. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Innovación asinará mañá un convenio de colaboración coa Asociación Empresarial de Transporte de Mercadorías por Estrada (Apetamcor) para executar un proxecto piloto de implantación do novo tacógrafo dixital no sector dos transportes.

Para isto, este departamento autonómico destinará un total de 170.000 euros que permitirán capacitar ao colectivo no uso e a obtención da información a través das novas tecnoloxías.

Segundo destacou Innovación, a Xunta está a apostar polo desenvolvemento da sociedade da información nos sectores empresariais galegos. A sinatura deste convenio permitirá promover o uso das novas tecnoloxías no colectivo dos transportistas.

Con este acordo entre Apetamcor e a consellería preténdese obter un maior crecemento e desenvolvemento socioeconómico do sector, contribuíndo a que as empresas de transporte de mercadorías sexan máis produtivas e competitivas, o que derivará nun aumento da riqueza e na creación de novos postos de traballo.