A Xunta subvenciona con 11 millóns a contratación de 121 investigadores en 12 organismos públicos e privados

Actualizado: miércoles, 18 julio 2007 19:38

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 18 Jul. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Innovación e Industria destinará 11,3 millóns á adxudicación de 121 prazas para investigadores en 12 entidades públicas e privadas.

O titular deste departamento, Fernando Blanco, asinou hoxe os protocolos de colaboración a través dos que se regula a asignación de destinos do Programa Horizontal de Recursos Humanos correspondente á convocatoria do ano 2007.

A convocatoria de Recursos Humanos do Plan Galego de I+D+i (IN.CI.TE) destinará 30 millóns de euros en 2007 para a contratación de 500 investigadores, tecnólogos e axentes de innovación para a súa incorporación ao sistema público e privado de I+D+i galego.

Así, creará oito programas para articular a carreira científica e tecnolóxica, en tres etapas de formación, incorporación e consolidación.

PROGRAMAS ASINADOS

Os programas asinados hoxe corresponden á etapa de incorporación. O primeiro, bautizado Ángeles Alvariño, está destinado a contratar durante tres anos 64 investigadores recentemente doutorados. A axuda bruta anual é de 28.000 euros por contrato, de maneira que o presuposto total deste programa ascende a 5,4 millóns de euros.

Tamén se subscribiu o programa Isidro Parga Pondal, que conta cun orzamento de case 6 millóns de euros para a contratación durante tres anos de 57 doutores cunha formación investigadora acreditada. A axuda bruta anual é de 36.000 euros para o sector público e de entre 18.000 e 25.200 para o sector privado, ao que se abre esta convocatoria por primeira vez.

Nesta mesma liña de axudas, inclúense tamén 44 Prórrogas Isidro Parga Pondal 2005, de dous anos de duración e un presuposto de 3,2 millóns de euros e unha 2ª Prórroga Isidro Parga Pondal 2003, con 34 prazas, unha duración dun ano e un presuposto de 1,37 millóns.

Con esta ampliación as axudas do programa Parga Pondal equipáranse en duración e en contía coas do Programa do Ministerio de Educación e Ciencia Ramón y Cajal.

As 16 empresas e entidades que asinaron o protocolo coa consellería son as tres universidades galegas, o Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC), o Centro Tecnolóxico Aimen, a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Peixes e Mariscos (Anfaco), a Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e ou Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, a Fundación Cesga, as empresas públicas Xacobeo e Turgalicia e as privadas Innaves e Quobis Network.