22-M. - Feijóo chama a votar ao PP, que "se reafirma" nos seus principios, mentres PSOE e BNG "renegan de si mesmos"

Feijóo Y Pablo Cobián
EUROPA PRESS
Europa Press Galicia
Actualizado: miércoles, 18 mayo 2011 0:31

O líder do PPdeG reivindica o "cambio" e chama ao electorado a situar os "feitos concretos" por enriba "das ideoloxías"

OLEIROS (A CORUÑA), 17 May. (EUROPA PRESS)

O líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, avisou de que PSdeG e BNG "renegan de si mesmos", mentres que os populares "reafírmanse" nos seus principios e concorren ás eleccións coas cartas "boca arriba". "O PSOE presenta un comodín que é o Bloque e preséntao boca abaixo, nós non", contrapuxo, antes de chamar a sumarse "á marea azul" do PP o domingo, que será o momento "de alzar a voz e falar" nas urnas.

No mitin de Oleiros (A Coruña), o xefe de filas do PPdeG retomou a idea de identificar a socialistas e a nacionalistas como fixo en días pasados, alertando de que "son o mesmo", para presentar ao PP como alternativa e única opción de "cambio" encamiñada á xestión "responsable" e a recuperación económica. "Quen crea que se fixo ben e que Zapatero merece a aprobación pode votar ao PSOE ou ao BNG, que para os efectos municipais significa o mesmo", sentenciou.

A liña seguido, insistiu en que se pode elixir e pediu o voto para os populares, que se "reafirman nos seus principios", mentres os seus rivais políticos "ocultan as súas siglas". "Afirmo e reafírmome en que é necesario xestionar con rigor, en que non debemos cargar de impostos ás familias nun momento de crise, en que os concellos deben falar entre si para dar mellores servizos a menor custo e en que a mellor política social é unha boa política económica", resumiu.

Sen abandonar esta liña argumental, ratificou que en breve haberá que decidir se as urnas reflicten "os cinco millóns de parados e a irresponsabilidade económica" que levou a España a ser "o primeiro país europeo en déficit público e desemprego" ou se se aposta polo "cambio" e por unha política, a do PP, que quere "converter cinco millóns de parados en cinco millóns de empregos". "Unha política totalmente distinta á dos últimos sete anos en España", agregou.

"POR ENRIBA" DE IDEOLOXÍAS

Ao tempo, Feijóo reiterou que o domingo haberá "moitas papeletas", pero o luns "só dúas posibilidades: un goberno xestionado polo PP ou un xestionado por todos os demais". Por iso, subliñou que "por enriba" dos políticos deben estar "as políticas", igual que os "feitos concretos" deben situarse "por enriba das ideoloxías". "Por enriba do PSOE e do BNG, dos independentes que non se sabe se son do PSOE, do BNG ou unha mestura dos dous, está a posibilidade de cambio", proclamou.

Por último, en clave local, sinalou que Oleiros, cun dos independentes históricos en Galicia, Ángel García Seoane, á fronte da Alcaldía, é "unha fermosa cidade" que non precisa de políticos que "estean no punto de mira de xuíces e fiscais", nin que o Goberno local estea sometido "a sospeitas urbanísticas". "O que necesita é un líder", contrapuxo e apostou polo candidato popular, Pablo Cobián, "o contrario á prepotencia e o protagonismo obsesivo".

"UN CAMBIO"

Pola súa banda, o candidato popular na localidade coruñesa, Pablo Cobián, proclamou que Oleiros "necesita un cambio" e demanda "un novo proxecto" porque conta cun goberno "esgotado e sen ideas". "Temos un alcalde que despois de 30 anos xa non ten solucións porque o problema é el", censurou e preguntouse se o pobo pode confiar nun rexedor "así".

"Nooooooon!", responderon ao unísono os máis de 600 militantes reunidos no recinto aberto no que se celebrou o mitin. Animado, o cabeza de lista popular volveu arremeter contra o rexedor de Oleiros, ao que acusou de vivir instalado "no conflito diario" para "disimular as súas carencias". "O típico truco de botar balóns fóra", reprobou.

Á súa vez, o tamén membro da candidatura popular Andrés Delgado deu o pistoletazo de saída ao acto electoral que acolleu un concello que --alertou-- ten "un problema coa economía e co urbanismo". "Xa non somos capaces nin de facer obras co diñeiro que temos", lamentou, antes de pedir o voto para o PP para que a situación "cambie".

Contenido patrocinado