SANTIAGO DE COMPOSTELA 21 Abr. (EUROPA PRESS) -
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria anual para a incorporación de 25 novos centros escolares ao Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares Plambe para o próximo curso 2019/2020.
Trátase dunha iniciativa dotada con 1,34 millóns de euros para o apoio aos novos centros que se somen ao programa, así como para a continuidade por parte dos centros que se foron incorporando nas anteriores convocatorias.
Así, segundo explicou a Xunta nun comunicado, as axudas para as novas incorporacións estarán destinadas á actualización dos fondos documentais da biblioteca escolar, á renovación do mobiliario e outro equipamento necesario, así como a outros gastos de funcionamento.
A adxudicación decidirase após unha análise das necesidades descritas na solicitude presentada, en función da maior adaptación aos criterios recollidos nesta orde e das características de cada centro. Así mesmo, en igualdade de puntuación, Educación dará preferencia a aqueles centros situados no ámbito rural.
ANTERIORES CONVOCATORIAS
No caso dos centros incorporados con anterioridade, os que o fixeron entre 2005 e 2010 poderán recibir asignacións para fondos; os que se integraron entre 2011 e 2013 recibirán asignacións para fondos e para mobiliario e outros equipamentos; os centros adscritos entre 2014 e 2017 terán contías para fondos, e os incorporados o ano pasado para fondos, mobiliario e outros equipamentos, así como para gastos de funcionamento específicos da biblioteca.
"O Plambe ten como obxectivo incentivar e impulsar o desenvolvemento de proxectos de biblioteca escolar que procuren a dinamización deste espazo como un centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe", destacou o Executivo autonómico.