MAURO BASTÓN - EUROPA PRESS - Archivo
SANTIAGO DE COMPOSTELA, 10 Feb. (EUROPA PRESS) -
Anova Irmandade Nacinoalista confirmou que estará presente nas eleccións autonómicas do próximo 5 de abril sendo "leal ao legado destes anos, onde traballou desde a xenerosidade para construír unha alternativa de ruptura coas políticas lesivas do Partido Popular".
Nun comunicado difundido minutos despois de que o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciase a convocatoria de eleccións para o 5 de abril, a formación nacionalista que encabeza o deputado de Común da Esquerda Antón Sánchez apunta que traballará "con xenerosidade e altura de miras para sumar" como, din, fan desde a súa fundación en 2012.
Deste xeito, e coa incógnita aínda por despexar de como concorrerá ás eleccións o espazo político da chamada unidade popular, Anova confirma que estará nas eleccións.
"Estaremos presentes o 5 de abril co obxectivo de abrir a nova etapa que Galicia merece", resalta no seu comunicado a organización xurdida da división do nacionalismo galego agrupado no BNG até 2012 e que, desde entón, concorreu ás galegas sempre en candidaturas de unidade, primeiro con Esquerda Unida na coalición Alternativa Galega de Esquerdas e despois baixo o partido instrumental En Marea.