Aprobado o decreto que regula a creación dos centros museísticos de Galicia

A Xunta lanzará no próximos día a convocatoria de axudas de 2026 para potenciar as prazas de abastos

O titular do Executivo galego, Alfonso Rueda, preside a reunión do Consello da Xunta.
XUNTA
Europa Press Galicia
Publicado: lunes, 19 enero 2026 18:32

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 19 Ene. (EUROPA PRESS) -

   O Consello da Xunta aprobou este luns o decreto que regula a creación, modificación e disolución dos centros museísticos de Galicia, en desenvolvemento da Lei de Museos aprobada en 2021 e que dotou ao sector dun marco xurídico propio que non existía con anterioridade.

   Tal e como informou o Goberno galego, a entrada en vigor deste texto permitirá levar a cabo unha serie de accións dirixidas a mellorar a organización dos muesos.

    O texto inclúe a creación dun distintivo de identificación para unificar a imaxe do sistema galego de museos, impulsando a súa proxección social.

    Ademais, créase o Rexistro Xeral de Centros Museísticos de Galicia, un instrumento adscrito á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude á que se incorporarán as entidades creadas no marco da lei.

   Outra das novidades é que, no marco deste decreto, regularanse dous modelos de plan museológico segundo o carácter da institución e as áreas funcionais. A Xunta destacou que se trata dun instrumento técnico que permite centrar a natureza, liñas programáticas, obxectos ou medios de calquera centro, así como a información relativa aos seus programas e áreas de actividade.

   Deste xeito, haberá un para os muesos, diferenciados pola súa área de documentación, conservación e investigación, e outro para coleccións museográficas e centros de interpretación do patrimonio cultural, que contarán cos contidos adecuados ás súas categorías.

   O plan incorporará tamén un programa de inclusión cultural, que inclúe as medidas previstas para o acceso universal aos bens culturais e aos coñecementos asociados a eles, como o grao de accesibilidade física, comunicativa, o aparcadoiro ou as iniciativas e actividades que fomentan a participación de colectivos en risco de exclusión cultural.

   A Xunta destacou que a posta en marcha desta norma supón tamén unha maior seguridade xurídica para o sector e a axilización no proceso de cualificación dos centros, que se normalizará a través da tramitación electrónica. Facilítase así a incorporación ao sistema de entidades que supoñen do potencial necesario para ser integradas nel.

MERCADOS DE ABASTOS

   Por outra banda, despois de analizar no Consello a orde de 2026, o Goberno galego lanzará nos próximos días a convocatoria de axudas deste ano para dinamizar e potenciar as prazas de abastos de Galicia e impulsar a súa certificación como mercados excelentes.

   Esta nova edición, conforme indicou o Executivo autonómico, inclúe axustes realizados atendendo á realidade do sector co fin de chegar a novos beneficiarios.

    Entre eles, a posibilidade de que poidan acceder a estas axudas as asociacións sen ánimo de lucro cun mínimo de placeiros entre os seus asociados para realizar campañas de dinamización comercial, a ampliación do período subvencionable no caso dos concellos para optimizar a execución dos proxectos subvencionados e, en todos os casos, axilizar o procedemento de concesión das axudas.

   A esta convocatoria, analizada este luns polo Consello, o Goberno galego destina case 2,3 millóns para distribuír nas anualidades 2026 e 2027, e está dirixida principalmente aos concellos, asociacións, cooperativas ou federacións de prazas de abastos e mercados.

Contador

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado