Elena Fernández - Europa Press
O terceiro día de campaña péchase marcado por dúas citas masivas de diferente índole: a protesta da sanidade e a Feira do Cocido
LALÍN (PONTEVEDRA), 4 Feb. (EUROPA PRESS) -
Cohesionador, democrático, europeísta, internacionalista e até anticapitalista. O amplo espectro ideolóxico que a escritora Yolanda Castiñeiro, pregoeira da 'LVI Feira do Cocido de Lalín', atribuíu ao prato que tivo este domingo o seu día grande na capital do Deza tivo reflexo metafórico nos dirixentes de distintos partidos que pugnaron, entre 'selfies', sorrisos, aplausos e algún baile, por compartir protagonismo co anfitrión: Don Cocho.
O cabezudo Don Cocho encabezou o desfile tras o pregón sazonado de retranca e humor que, con miles de persoas nas rúas da localidade pontevedresa, Castiñeiro dedicou ás mulleres de Lalín: "as únicas do mundo felices de celebrar San Valentín namorándose dun porco". Ocorrencia que foi aplaudida tanto por autoridades como pola multitude de asistentes que se pegaban aos valos para non perderse da procesión festiva do Cocido.
Pero horas antes dos aplausos multitudinarios a Don Cocho e ás carrozas que o sucederon, de que a 'speaker' destacase que unha das principais representacións portábaa un tractor de gran magnitude "recentemente comprado" e a cuxo condutor felicitou pola súa pericia, cando a charanga 'Os Verbeneros' empezaba a animar o pobo sobre as 10,30 horas, co transfondo da campaña do 18F, os primeiros políticos do PP empezaron a aparecer pola praza do Concello.
E é que, aínda que a candidata nacionalista a presidir a Xunta, Ana Pontón, non quixo perderse a cita post manifestación de Santiago evidenciando que é compatible reivindicar melloras sanitarias nunha protesta masiva que reuniu á esquerda con gozar dunha festa gastronómica galega multitudinaria, os principais baños de masas na capital do Deza reserváronllos os populares.
Dos primeiros en chegar, no inicio dos actos institucionais presididos polo alcalde, o popular José Crespo, foron o presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, que non dubidou en sacarse unha foto cun cachorro --os "novos bebés" das campañas, chancearon algúns asistentes-- que tamén levaba unha capa de 'comendador' do Cocido.
Pero houbo sorpresa, polo menos para os xornalistas que se desprazaron até localidade no marco da campaña, e apareceu o alcalde de Madrid, o tamén popular José Luís Martínez-Almeida, ademais do presidente da Xunta e candidato popular á reelección, Alfonso Rueda, quen entre outras autoridades locais de todas as cores políticas deron o pistoletazo de saída da festa.
DE COMESAÑA A RAJOY
Concluído o acto de inauguración, após un paseo e visita á carpa que se traduciu nun baño de masas para Rueda --aínda que algunha señora confesou non ter moi claro se xa era "o presidente" ou o que "vai selo"--, sumáronse outros dirixentes como os conselleiros de Medio Rural, José González, ou o de Sanidade, Julio García Comesaña, quen asegurou "tomar nota" das demandas da manifestación compostelá.
E apareceu unha das principais estrelas convidadas, esta si prevista, o expresidente do Goberno Mariano Rajoy, quen tampouco escatimou --como o candidato Rueda-- en apertóns de mans e 'selfies' cos asistentes ao gran día dunha festa que, proclamara Rueda pouco antes, se "reinventa" cada ano da man de Crespo. Igualmente, deixouse ver a popular Ana Pastor.
Amigo confeso da festa (e esta é de interese turístico internacional desde o ano 2020), baño de masas mediante e após justificar que o pobo galego é "traballador" pero tamén 'festeiro', Rueda non se esforzou en disimular que llo estaba pasando ben. O corpo íalle só e, de camiño ao palco, antes do desfile, púidoselle ver tararear unha mítica peza popular ao ritmo de charanga: 'Vivir na Coruña, que bonito é. Andar de parranda e durmir de pé'.
PONTÓN, FOTOS E RELAX POST MANIFESTACIÓN
Após participar na manifestación en defensa da sanidade pública da capital galega e cando aínda non concluíra o gran desfile lalinense previo á comida (que se podía gozar en calquera restaurante da zona con imprescindible reserva e após pagar un prezo medio de entre 30 e 35 euros), chegou Pontón.
A dirixente nacionalista atendeu aos medios e pousou, relaxada, con quen llo pediu mentres que esperaba a que concluíse o desfile para visitar a carpa. Nela, precisamente, a casualidade quixo que se achegase a un posto de produtos como xamón e chourizo no que previamente estivera Rueda. E aproveitou para probar o chourizo.
Aí, os asistentes xa despexaran de forma maioritaria as rúas para ir comer, concluído o pregón de Yolanda Castaño, unha do sete acodes que nesta edición convertéronse en comendadores do Cocido, xunto comn Michel Durrieu, Francisco Fumega, Belén Xestal, Rafael López, José González e Víctor Manuel Vázquez Portomeñe.
A escritora, Premio Nacional de Poesía e Premio Cultura Galega das Leras 2023, aproveitou para dar as grazas a quen pensara nela para pronunciar o pregón e destacou que era a primeira escritora en facelo.