O BNG acusa a Rueda de "ocultar" os orzamentos de 2023 e pregúntase se esconden "máis recortes"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o portavoz municipal e candidato á Alcaldía da Coruña, Francisco Jorquera, descobren unha placa conmemorativa do 40 aniversario da constitución desta formación
BNG
Publicado: jueves, 22 septiembre 2022 13:51

A súa portavoz nacional, Ana Pontón, cualifica de "trucado" o debate destas contas sen "información" á oposición

A CORUÑA, 22 Sep. (EUROPA PRESS) -

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, acusou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de "ocultar" os orzamentos autonómicos para 2023 e preguntouse se o motivo é que esconden "novos recortes na sanidade pública ou máis rebaixas fiscais para as rendas máis altas".

Fíxoo nun acto do BNG na Coruña con motivo do descubrimento dunha placa no frontón de Riazor, onde hai 40 anos constituíuse a formación nacionalista.

Despois de que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciase que comparecerá no Parlamento para avanzar as "liñas mestras" dos orzamentos para 2023, a dirixente nacionalista cualificou de "trucado" este debate por tratarse sobre uns orzamentos que "ninguén coñece".

"Sobre os que non temos información", recalcou Pontón, quen aproveitou o acto tamén para criticar que, a pesar de estar ante "a maior crise de prezos", o presidente autonómico "negouse" a ir ao Parlamento "para facer un debate político xeral, con propostas e alternativas".

DEBATE "TRUCADO"

"Quere ir ao Parlamento a facer un debate trucado, presentar uns orzamentos que ninguén coñece e sobre os que non temos ningun tipo de información". "Que oculta o PP, que oculta Rueda neses orzamentos", preguntouse Pontón.

"Oculta novos recortes na sanidade publica deste país como pasou o ano pasado, máis rebaixas fiscais para as rendas máis altas", expuxo tamén nun discurso no que reprochou ao Gobieno galego a súa "falta de iniciativa e capacidade para atender os problemas deste país".

Por todo iso, Pontón esixiu ao presidente da Xunta que envie o proxecto de orzamentos antes da súa comparecencia. "Non se pode debater sobre un documento opaco", apostilou.

O BNG, "LIBRE DE ATADURAS"

Estas consideracións trasladounas a portavoz nacional do BNG tanto no acto con presenza de militantes e simpatizantes como nas declaracións aos medios de comunicación.

No primeiro, volveu a reivindicar ao BNG como unha formación "á altura do que a sociedade galega require". "Unha organización política sólida e libre de ataduras dos grandes poderes económicos".

Pontón lembrou que na Coruña e no frontón de Riazor onde se descubriu a placa constituíuse o BNG, "contribuíndo a dar este país unha forza política propia, en defensa dos intereses de Galicia".

A portavoz nacional da formación nacionalista aproveitou tamén para situar á mesma como unha alternativa "fronte ao PP" e que traballa, ademais, para que Galicia teña "un goberno coas mans libres". "Para dar futuro e esperanza", dixo en alusión aos galegos e as galegas. "Unha forza con experiencia, bagaxe e madurez", manifestou tamén.

Xunto a Pontón, interveu tamén o portavoz municipal do BNG e candidato á Alcaldía da Coruña, Francisco Jorquera, quen lembrou a súa participación na asemblea fundacional. "Foi un feito histórico", expuxo, aludindo, entre outras cuestións, a que "sen o nacionalismo galego Galicia non tería historia propia". "A política galega sería unha réplica provinciana da política madrileña", argumentou.