BNG e CA inician o deseño do programa para un goberno conxunto en Santiago e chaman ao PSOE a sumarse

A candidata á Alcaldía do BNG, Goretti Sanmartín, e a portavoz de Compostela Aberta, María Rozas
EUROPA PRESS
Publicado: miércoles, 7 junio 2023 15:10

   Goretti Sanmartín asegura que a man estará tendida para os socialistas durante todo o mandato

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 7 Jun. (EUROPA PRESS) -

   O Bloque Nacionalista Galego e Compostela Aberta (CA) acordaron este mércores iniciar o deseño do programa para o acordo de goberno no Concello de Santiago despois das eleccións municipais do 28 de maio e fixeron un chamamento ao PSOE para sumarse ao pacto.

   Diso informaron este mércores as portavoces de cada formación no Consistorio da capital galega, Goretti Sanmartín (BNG) e María Rozas (CA), durante o transcurso dunha reunión para abordar este acordo de goberno, un encontro que celebraron nun hotel da cidade.

   A reunión deste mércores tivo lugar despois de que na xornada do martes a asemblea de Compostela Aberta dese luz verde á negociación dun pacto co BNG. Ademais, o xoves o BNG reunirase co PSOE local para continuar coas negociacións.

   Nun contexto no que tanto Compostela Aberta como o PSdeG avanzaron a súa intención de favorecer a investidura de Goretti Sanmartín o próximo 17 de xuño --data na que se constitúen as novas corporacións--, a candidata do BNG á Alcaldía explicou que no encontro CA trasladou oficialmente a súa intención de comezar a dialogar para facer un pacto de goberno.

   "Agradecemos esta disposición para traballar conxuntamente polo Concello de Santiago e que o goberno se poña a traballar desde o primeiro día", destacou Sanmartín, que detallou que, a partir deste mércores, ambas as forzas inician o deseño do programa de acordo de goberno e sobre as cuestións relativas aos grandes problemas da cidade.

CHAMAN AO PSOE A SUMARSE AO ACORDO

   Tanto Gorretti Sanmartín como María Rozas avogaron por alcanzar un pacto "sen dilatar os tempos" e tamén se mostraron favorables á entrada do Partido Socialista neste acordo ao considerar que un goberno o máis amplo posible dotará ao Consistorio dunha maior estabilidade.

   Neste sentido, a alcaldable do BNG fixo un chamamento ao PSOE para que "se una" ao entender que "é bo que Santiago teña un acordo amplo, un goberno sólido e estable para o próximos catro anos cos retos que temos por diante". Precisamente, a nacionalista reunirase este xoves cos socialistas para abordar este asutno.

"MAN TENDIDA" TODO O MANDATO

   Preguntada polas reticencias que algúns integrantes do PSOE local terían para formar parte dun tripartito, Goretti Sanmartín sostivo que o acordo con Compostela Aberta "non" impide en ningún caso que se poidan sumar os socialistas e deixou claro que esta "man tendida" ao Partido Socialista estará "durante todo o mandato".

   "Así o mandataron as urnas e por suposto que en calquera momento, respectando os tempos de cada organización, poderán incorporarse", dixo a nacionalistas, que si recoñeceu que prefire que os socialistas se incorporen neste momento ao entender que "son moitas as necesidades de Santiago".

   Pola súa banda, Martía Rozas, que destacou a cordialidade do enceuntro, tamén se mostrou partidaria de que os socialistas entren no acordo. "Eu creo que temos que sumar todas as forzas progresitas, como piden os veciños de Santiago co seu voto nas urnas", afirmou a portavoz de Compostela Aberta, que subliñou que "o mellor goberno é o goberno máis amplo".

AÍNDA NON ABORDAN A REPARTICIÓN DE ÁREAS

   Na comparecencia ante os medios, ambas as políticas explicaron que na reunión aínda non abordaron unha posible repartición de áreas, senón que, tal e como sinalou Sanmartín, polo momento as conversacións céntranse en analizar "cuestións relacionadas en xeral co modelo de cidade, a transformación urbana, as necesidades reais e os temas que se activaron durante a campaña". "En canto teñamos o acordo máis perfilado, pois xa iremos facendo comparecencias e transmitíndoo sen ningún problema", sinalou.

   Pola súa banda, María Rozas considerou que as conversacións van "polo bo camiño". "Acabamos de empezar pero estou segura de que temos capacidade para chegar a acordos", destacou nunha intervención na que lembrou que, calquera tipo de decisión terá que ser ratificada pola asemblea de Compostela Aberta.

   "Traballaremos estes días sen dilatar os tempos para que haxa un acordo de goberno que plasme as políticas progresistas para o próximos catro anos", subliñou Rozas.

   O BNG tamén prevé levar á súa asemblea todas as decisións que se alcancen de cara á conformación do goberno local.