SANTIAGO DE COMPOSTELA, 10 Feb. (EUROPA PRESS) -
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, considerou que o adianto das eleccións galegas ao 5 de abril evidencia que o País Vasco "marca" a axenda do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e subliñou que os socialistas están "preparados" para dar a Galicia "o cambio de goberno que necesita".
Nun comunicado remitido aos medios despois de que o tamén líder dos populares galegos anunciase o adianto electoral, Gonzalo Caballero lembrou que o propio Feijóo aseguraba que "non había motivos" para celebrar antes os comicios galegos polo que considerou que este movemento mostra "unha vez máis" que "non ten palabra".
O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta atribuíu a decisión de Feijóo de chamar ás urnas o 5 de abril a que ten "un proxecto agónico, que só dá problemas". "Está a admitir que Galicia non pode soportar a agonía dun goberno sumido na inacción e na apatía", recalcou.
En paralelo, ironizou co feito de que Feijóo se presente como o "garante da estabilidade política" cando "non é capaz de chegar até o final da lexislatura". Agora, reclamou que non utilice os dous meses escasos que restan até as eleccións para "facer campaña cos recursos da Xunta".
Ademais, deixou claro que o PSdeG está "preparado" para darlle a Galicia o cambio de goberno que necesita". "Imos falar coa Galicia real: a que sofre as consecuencias dos recortes de Feijóo nos servizos públicos e a que padece a falta de oportunidades que nos deixa en Galicia", concluíu.
Gonzalo Caballero pronunciouse deste xeito na xornada na que mantivo unha reunión coa ministra de Industria, Reyes Maroto, para abordar o estatuto para as empresas electrointensivas que sae a exposición pública. "En Galicia tamén fai falta un goberno progresista que poña a súa prioridade na maioría social", defendeu.