O edil de Facenda de Pontevedra considera que "cando non se ten alternativa política se acode ao xulgado"

Europa Press Galicia
Actualizado: miércoles, 16 marzo 2011 17:58

PONTEVEDRA 16 Mar. (EUROPA PRESS) -

"Cando non se ten alternativa política acódese ao xulgado". Así se expresou o concelleiro de Facenda de Pontevedra, Raimundo González Carballo, do BNG, tras facer público o PP que fora citado como imputado por supostos delitos de prevaricación e fraude.

Foi o voceiro local do Partido Popular, Telmo Martín, quen denunciou ante o xulgado de garda ao goberno municipal de Pontevedra por supostas irregularidades detectadas nas obras de acondicionamento da rotonda de Loureiro Crespo con San Mauro e a mellora dos xardíns da praza da Liberdade.

"É bo que me citen como imputado porque pola contra tería menos defensa", manifestou Raimundo González, quen considerou que "aquí non hai ningún tipo de imputación de ningún delito, nin moito menos, por parte da Fiscalía" senón que, puntualiza, "o que hai é unha querela na que citan determinadas persoas do Concello e o que fai o xuíz é seguir tramitando iso coa independencia de que despois decida seguir ou arquivar a causa".

"Non é que me impute dun delito a propia Fiscalía, como sucede nos delitos de corrupción onde hai unha instrución de oficio e che imputan, En este caso non, é coma se ti me acusas a mi de algo, o xuíz avisa e di: oia que vostede esta imputado por isto", argumentou González Carballo.

O edil nacionalista manifestou que o seu estado de ánimo non variou por esta circunstancia, porque ten "a conciencia moi tranquila", aínda que asegurou "estar moi molesto". "Porque quen me acusa é un señor que cobrou sobreprecios en Navia, pero iso é xa unha cuestión de dignidade persoal", apostilou.

"É coma se o raposo acusase ás galiñas por roubarse a si mesmas", chanceou Raimundo González, que está citado a declarar ante o xuíz do Xulgado de Instrución número 2 de Pontevedra o próximo 13 de abril de 2011.

CERTIFICACIÓNS

Ademais, o xuíz solicita á secretaría do Concello as certificacións das xuntas de goberno de data 9 de marzo de 2009 e 7 de maio de 2009, concretando con total precisión asistentes ás mesmas e votos emitidos.

Telmo Martín indicou que entende que estes feitos son "presuntamente constitutivos de senllos delitos de prevaricación e de fraude" debido a que o proxecto se executou saltándose todos os procedementos de contratación, segundo alegou, xa que cando se celebrou unha mesa de contratación na que se terían que adxudicar as obras, estas xa levaban executadas varios meses.

Contenido patrocinado