Escotet reivindica o "compromiso" de Abanca con Vigo, na inauguración da nova oficina principal na cidade

O presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet; o alcalde de Vigo,  Abel Caballero; e o conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas, na inauguración das novas instalacións da oficiuna principal do banco na cidade olívica.
EUROPA PRESS
Europa Press Galicia
Publicado: miércoles, 13 noviembre 2024 20:29

   VIGO, 13 Nov. (EUROPA PRESS) -

   O presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, reivindicou este mércores o "compromiso" da entidade bancaria con Vigo, no acto de inauguración das novas instalacións da oficina principal de Abanca na cidade olívica, un acto no que tamén estiveron presentes, entre outros, o conselleiro delegado do banco, Francisco Botas, e o alcalde, Abel Caballero.

   Escotet sinalou que a renovación integral desta oficina é un exemplo dese "compromiso" e "é só a cara visible dunha declaración de intencións de maior calado". "Coñecemos o legado que Abanca atesourou na cidade de Vigo durante as últimas décadas e imos pór todos os nosos esforzos en defendelo e amplialo", salientou.

   O presidente de Abanca explicou que a reforma da sede principal de Vigo deu lugar a un novo espazo, "no que o cliente é o verdadeiro centro da experiencia" e tamén ofrece novas ferramentas comerciais aos profesionais. Nesta oficina, "unha das máis emblemáticas" da rede de Abanca e con 850 metros cadrados de superficie no número 1 da Avenida de García Barbón, implantouse o novo concepto comercial do banco.

   Así, habilitáronse espazos máis amplos, orientados a ofrecer unha experiencia máis confortable, e incorporáronse recursos dixitais e tecnolóxicos de vangarda no sector financeiro, que favorecen a conexión e mobilidade das persoas e unha interacción máis directa cos usuarios.

   A actual disposición das estancias guía ao cliente a través de espazos diferenciados en función do servizo que necesite: operacións bancarias, atención especializada ou asesoramento comercial personalizado.

    A sucursal conta cun posto de benvida, tres mostradores de caixa, once mesas de atención comercial e cinco salgas de reunións para as xestións con usuarios que requiren de maior privacidade e dedicación, ademais dunha área de traballo reservada para o persoal interno. O equipamento complétase cun novo espazo de autoservicio 24 horas, máis accesible e provisto de cinco caixeiros automáticos de última xeración.

    Por outra banda, na reforma prestouse especial atención á eficiencia enerxética, o control de consumos, o aproveitamento da luz solar ou o aforro de auga, todo iso para mellorar a sustentabilidade da oficina e a súa calidade ambiental.

OFICINA DE REFERENCIA NA ÁREA VIGUESA

   A oficina principal de Abanca en Vigo é o espazo financeiro de referencia na cidade e na área metropolitana. Nese territorio, Abanca ten uns 320.000 clientes e 81 oficinas, das que tres se dedican a empresas.

   Así mesmo, manexa un volume de negocio de 12.000 millóns de euros. Entre os equipos comerciais e as áreas de apoio, Abanca emprega en Vigo a case 800 persoas e o único banco que conta na cidade con dúas axencias especializadas en empresas, unha rápida con atención de caixa en horario de mañá e tarde, e dúas desprazadas que dan servizo ao Concello e ao campus universitario.

"CENTRAL NA ECONOMÍA DE VIGO"

   Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, subliñou que "Abanca é central na economía" da cidade e que a entidade e o edificio que alberga a súa oficina principal "forman parte" da historia "e dos sentimentos" da urbe olívica.

   Segundo destacou o rexedor, Vigo é unha cidade de "emprendedores" e necesita "compañeiros de viaxe" como Abanca, sen a cal, a cidade sería "distinta". Así mesmo, subliñou o papel da economía no desenvolvemento de Vigo e destacou o "momento importante" que vive actualmente, cando "todas as cidades de España queren ser Vigo" pola súa empuxe, dinamismo e a súa forma de entender a economía.

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado