Un home de 60 anos faleceu na mañá deste mércores no municipio ourensán de Laza tras envorcar o camión co que se atopaba traballando nas obras do AVE.
Segundo informou o Centro Integrado de Atención a Emerxencias 112-Galicia, o suceso ocorreu sobre as 11,00 horas da mañá deste mércores no túnel do vertedoiro de Prado, na estrada que une Laza e Vilar de Barrio.
En concreto, o operario atopábase recollendo cascallos das obras do AVE e baleirándoos no vertedoiro cando o camión que manexaba envorcou, deixándoo atrapado.
Até a zona desprazáronse efectivos dos Bombeiros de Verín, do GES de Laza e da Garda Civil, así como o helicóptero medicalizado do 061 con base en Ourense, que só puido confirmar o falecemento do home. De feito, os Bombeiros tiveron que intervir para liberar o seu corpo, que quedara atrapado na cabina.
O falecido, I.B.G., tiña 60 anos e era natural de Terroso, no municipio de Vilardevós, aínda que residente en Ourense, segundo informaron desde a Garda Civil.