PAVI - Europa Press - Archivo
VIGO, 2 Jun. (EUROPA PRESS) -
A Fiscalía solicita penas que suman case 20 anos de cárcere para Humberto G.R., ao que acusa de matar en Baiona (Pontevedra) a quen era a súa parella, Estela B.S., de quen tiña unha orde de afastamento, e que logo estivo unha semana fuxido antes de entregarse.
Acusado e vítima tiñan unha relación, que mantiveron a pesar de que el tiña unha orde de afastamento dela ditada en abril de 2024 polo xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo.
A pesar desa medida, da que o acusado era coñecedor, seguiron convivindo e mesmo aloxándose xuntos en establecementos hostaleiros, a última vez o 5 de novembro de 2024. Uns días despois, sostén o Ministerio Público, na madrugada do 8 de novembro, estando ambos no domicilio familiar del, produciuse o crime.
A Fiscalía expón no seu escrito de acusación que Humberto golpeou a Estela na cara, apertoulle o pescozo, tapoulle o nariz e a boca coa man, e suxeitouna con forza para inmobilizala. Ademais, golpeoulle a cabeza, polo menos tres veces, de forma "contundente", contra unha superficie lisa, o que lle causou unha hemorraxia interna que acabou por provocarlle a morte.
O falecemento, no entanto, non foi inmediato, senón que "houbo un período de supervivencia de entre 12 e 18 horas", no que o acusado nin solicitou asistencia sanitaria nin adoptou ningunha medida para auxiliar a Estela.
Ademais, a Fiscalía explica que Humberto a introduciu no consumo de estupefacientes, xerando nela unha situación de dependencia, illamento persoal e desvinculación da súa contorna familiar e afectiva. O acusado aproveitou esa situación de vulnerabilidade para exercer sobre ela unha dinámica de control e sometemento, que anulou a súa vontade e "mantíñaa nun ciclo de violencia do que non puido escapar".
SEIS DÍAS ESCONDIDO
Após o crime, o acusado chamou aos servizos de Emerxencias e alegou que se atopou á muller ferida e que a meteu na súa casa. No entanto, en canto os sanitarios chegaron e confirmaron o falecemento, o home desapareceu, afirmando que el non ía comerse " ese marrón".
Durante seis días permaneceu escondido nunha especie de alpendre na parroquia de Belesar en Baiona, na mesma zona onde se produciu o crime. Con todo, a presión policial e a falta de alimentos levárono a renderse e acabou chamando á súa nai para entregarse. Foi a muller a que alertou do seu paradoiro á Garda Civil.
DELITOS E PENAS
Por estes feitos, o Ministerio Público acúsao dun delito de homicidio coas agravantes de xénero, parentesco e abuso de superioridade, e un delito de quebrantamento de medida de cautelar. Así, pide penas que suman 19 anos e 9 meses de cárcere, ademais da medida de liberdade vixiada durante 5 anos após saír de prisión; e a prohibición de achegarse aos pais e irmá da vítima, así como á súa filla (que tiña 9 anos no momento do crime e cuxa custodia exerce o seu pai) durante 31 anos.
En concepto de responsabilidade civil, solicita que indemnice aos pais e irmá da vítima en cantidades que suman 161.000 euros, así como en 182.000 euros á filla de Estela.
Ademais, a Fiscalía expón que, "dado o contexto dos feitos, a súa forma de execución, así como a personalidade e perigo criminal evidenciadas polo acusado", e tendo en conta que hai "un perigo fundado de reiteración delituosa", faise conveniente a inscrición do identificador de ADN de Humberto G.R. na base de datos policial