A fronte que afecta a Galicia deixa refachos de vento de case 140 quilómetros por hora

Archivo - Arquivo - Varias persoas observan a ondada nos arredores da Torre de Hércules.
M. Dylan - Europa Press - Archivo
Europa Press Galicia
Actualizado: jueves, 15 enero 2026 12:08

SANTIAGO DE COMPOSTELA 15 Ene. (EUROPA PRESS) -

   A fronte que afecta a Galicia este xoves deixou importantes refachos de vento, que en varios puntos do litoral de Lugo e a Coruña superaron os 130 quilómetros por hora, segundo os datos feitos públicos por Meteogalicia, dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

   Así, na mañá deste xoves, a estación de medición de Punta Candieira, en Cedeira (A Coruña), rexistrou un refacho de 138,7 quilómetros por hora, e a de Penedo do Galo, en Viveiro (Lugo), rexistrou un refacho de vento de 134,4 quilómetros por hora.

    Algo menos intensos, aínda que igualmente significativos, foron os refachos máximos rexistrados na estación da Gándara, en Vimianzo (A Coruña), con 127,3 quilómetros por hora; e na de Punta Langosteira, en Arteixo (A Coruña), con 118,3 quilómetros por hora.

   Debido á situación, varios municipios adoptaron medidas para garantir a seguridade. Así, o Concello da Coruña informou do peche de parques, xardíns e praias durante toda a xornada deste xoves. Igualmente, en Santiago permanecen pechados os parques públicos.

   O transporte de ría en Vigo, polo momento, non rexistra grandes afeccións. Así, a conexión con Cangas fíxose cada media hora na mañá deste xoves para adaptar a velocidade dos buques ás condicións meteorolóxicas; e a ruta entre Vigo e Moaña funciona con normalidade.

PRECIPITACIÓNS

   En canto ás precipitacións, Meteogalicia informou de acumulacións máximas de algo máis de 20 litros por metro cadrado. Así, a estación de Cee-Brens rexistrou 24,4 litros por metro cadrado; a de Coto Muíño-Zas rexistrou 22,4 litros; a de Fontecada-Santa Comba acumulou 22,3 litros e a de Rianxo, case 22 litros por medio cadrado.

   A Xunta ten activada para este xoves unha alerta laranxa por temporal costeiro no litoral oeste e noroeste da Coruña e que se estenderá a primeiras horas da tarde ao suroeste da costa coruñesa e ás Rías Baixas, en Pontevedra. A Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) espera mar combinado do noroeste con ondas de até seis metros.

Contador

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado