Gómez-Reino (En Común) lamenta a falta de "certezas" de Feijóo e dá por feito eleccións "sen garantías sanitarias"

O portavoz de Galicia en Común, Antón Gómez-Reino
GEC
Europa Press Galicia
Publicado: jueves, 14 mayo 2020 20:42

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 14 May. (EUROPA PRESS) -

   O portavoz de Galicia En común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, lamentou a ausencia de "certezas" coas que sae da reunión co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na que se abordou a posibilidade de convocar eleccións no mes de xullo, e deu por feito que as convocará a pesar de que non pode dar "garantías sanitarias nin epidemiolóxicas".

   Á saída do encontro, que se celebrou en San Caetano, Gómez-Reino manifestou que a súa formación política "sae como entrou". "Non nos puido garantir e non pode garantir que un hipotético proceso electoral se dea coas garantías sanitarias e epidemiolóxicas necesarias", apuntou.

   Gómez-Reino, que na mañá deste xoves mostrou os seus receos sobre os informes dos expertos en sanidade e o documento xurídico que lles enviou o presidente da Xunta para avalar que se convoquen eleccións canto antes, lamentou que o encontro non fose para "falar da reconstrución económica e social do país" após a crise sanitaria polo coronavirus.

   "Saímos sen certezas, saímos como entramos", cuestionou. Ademais, Gómez-Reino criticou que "non pode garantir unhas eleccións con total normalidade democrática".

   O líder de Podemos Galicia tamén reprochou que saen da reunión "sen saber a data do proceso electoral". "Saímos exactamente igual que entramos, parece que o único que lle importa é a súa estratexia electoral", recriminou o portavoz da coalición.

   Na mañá deste xoves, Gómez-Reino insistiu citar aos galegos ás urnas en menos de dous meses é "unha tremenda imprudencia temeraria" e "unha burla ao enorme sacrificio" para conter a expansión do virus, cuxa evolución "é incerta".

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado