Inaugurado en Lugo un busto en recordo a Moncho Reboiras, asasinado pola policía franquista hai 50 anos

O tenente de alcalde celebra que esta sexa a "primeira cidade" en contar cunha homenaxe pública á súa figura

Inauguración do busto en homenaxe a Moncho Reboiras, vítima do franquismo, en Lugo, a 27 de decembro de 2025.
AYUNTAMIENTO DE LUGO
Europa Press Galicia
Publicado: sábado, 27 diciembre 2025 17:46

   LUGO, 27 Dic. (EUROPA PRESS) -

   Moncho Reboiras, asasinado pola policía franquista en 1975 e recoñecido polo Estado como vítima da ditadura en 2009, conta desde este sábado cun busto en homenaxe en Lugo, colocado na rúa Soto Freire e ao carón do centro cultural O Vello Cárcere.

   O recoñecemento está impulsado polas fundacións Galiza Sempre, Terra e Tempo e Moncho Reboiras como parte das actividades orientadas ao recordo do 50º aniversario do asasinato deste militante nacionalista. O busto quedou inaugurado esta mañá cun acto ao que acudiron representantes do Concello, que tamén está detrás da homenaxe, e o irmán de Moncho, Manuel Reboiras.

   "Entendiamos que o aniversario quedaría un pouco collo se non eramos capaces de levar ese recoñecemento e esa reparación ao espazo público do noso país", expresou Rubén Cela, en representación das fundacións impulsoras, á vez que agradeceu ao Concello a súa "valentía" e "compromiso".

   Tamén Manuel Reboiras expresou o seu agradecemento por levar a cabo esta homenaxe, que estende a todas as vítimas do franquismo --entre as que o seu irmán foi "unha das últimas"-- e das que destacou a súa "valentía, entrega e coherencia" na súa loita pola "soberanía de Galicia".

   "O meu irmán Pepe morreu hai 50 anos. Pero o meu camarada --porque eu militei con el-- Moncho Reboiras segue vivo na loita pola soberanía deste país e contra o fascismo", expresou.

   Pola súa banda, o tenente de alcalde, Rubén Arroxo, reivindicou esta xornada como un "día de xustiza" e prognosticou o comezo dunha "nova fase", que consistirá en que Reboiras "empece a ter a súa presenza por todo o territorio do país". Deste xeito, celebrou que Lugo sexa a "primeira cidade" en realizar unha homenaxe pública á súa figura e avanzou que esta iniciativa se executará nos próximos meses noutros municipios.

   Ademais, a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, destacou a elección do lugar: "Estamos á beira dun cárcere que acolleu a homes e mulleres presos durante e despois do golpe fascista do 1936, algúns fusilados aquí preto".

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado