Máis de 225.000 alumnos galegos comezarán o día 11 o curso escolar "máis caro" para as familias

Archivo - Varios nenos e nenas entran o o seu primeiro día de clase do pasado curso.
Carlos Castro - Europa Press - Archivo
Europa Press Galicia
Publicado: domingo, 3 septiembre 2023 14:14

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 3 Sep. (EUROPA PRESS) -

   Galicia quenta motores para o arranque do curso escolar, no que volverán ás aulas máis de 225.000 alumnos de todos os niveis e que estará marcado especialmente pola subida de prezos e o encarecemento da vida, co que apunta que será o "máis caro" para as familias.

   Se setembro xa marca habitualmente unha costa tras o verán para as familias con nenos en idade escolar, que deben de facer un importante investimento á volta das vacacións, a inflación e o aumento doutros gastos para os pais fan desta volta ao cole algo aínda máis complicado.

   Neste sentido, o Informe Europeo de Pagos de Consumidores de Intrum recollía esta mesma semana que 3 de cada 4 familias galegas recoñece que se endebedará para comprar artigos para o colexio dos seus fillos. En concreto, o 76% afirma que recorrerá a prestamos ou anticipos de tarxeta para poder financiar estas compras.

   Roupa nova, material escolar e libros de texto --que en xullo custaban xa case un 5% máis que o ano anterior-- son os principais investimentos para as familias galegas que, segundo a Organización de Consumidores e Usuarios, afrontarán un gasto medio de 500 euros por neno este ano, unha cifra que outras fontes, como o portal Kelisto.é, eleva por riba dos 700 euros.

   Consultada por Europa Press, a vicepresidenta da Confederación de Anpas Galegas, Isabel Calvete, cualificou de "angustioso" o panorama para moitas familias, sobre todo aquelas que deben recorrer aos créditos para afrontar estes gastos.

    "A subida de prezos vémola todos cando imos encher ou cando imos ao super. Pois se a iso súmaslle, en setembro, unha familia con dous fillos, por exemplo, que meta de 700 a 1.000 euros na volta ao cole... é bastante absurdo", denunciou.

   Explica Calvete que desde a Confederación prevén unha volta ao cole "caótica", "como todos os anos", e "máis cara" que en anos anteriores. "Sospeitamos que será outro pau para as familias e a educación pública. O ensino público e gratuíto non pode custar o que custa. É un dereito constitucional", argumentou.

AXUDAS

   Para contrarrestar en parte este aumento do gasto, a Xunta incrementa este curso en máis dun 12% a contía das axudas para comprar libros de texto e amplía nun 40% os beneficiarios do vale para material escolar, até chegar aos 130.000 alumnos.

   Neste último caso, todas as familias con renda per cápita igual ou inferior a 10.000 euros poderán recibir este bono que oscila entre os 60 e 75 euros, algo ao que até agora só accedían os fogares con renda inferior a 6.000 euros.

   Do mesmo xeito, segundo apuntou a Xunta, aumentan tamén as axudas par adquirir libros de texto. O orzamento total pasa de 5,9 millóns de euros a 6,7. En xeral, as familias recibirán entre 160 e 270 euros --en función da renda--, fronte aos 140 e 240 euros do pasado curso.

   Ademais, a Xunta manterá o banco gratuíto de libros de texto que teñen os colexios galegos e que permite que alumnos de entre 3 de Educación Primaria e 4 de ESO reciban os manuais que necesitan sen que as familias teñan que asumir ningún custo.

   Pola contra, o presidente da Xunta rexeitaba esta mesma semana a posibilidade de volver a un sistema de préstamo gratuíto de libros, como o posto en marcha no seu día polo bipartito e que reclamaron as Anpas. En concreto, Alfonso Rueda cre que "nin é xusto, nin funcionou".

MÁIS DE 225.000 ESCOLARES ÁS AULAS

   O luns 11 volverán ás aulas de forma simultánea todos os alumnos dos niveis educativos non universitarios. Serán, así, máis de 225.000 escolares que vivirán na mesma xornada o seu primeiro día de clase do curso 2023/2024.

   Segundo datos da Xunta, serán 127.567 alumnos de Infantil e Primaria --2.643 alumnos menos que o ano anterior--, 69.538 de ESO --960 máis-- e 27.908 de Bacharelato --115 menos--, que se repartirán en case 12.000 aulas por toda Galicia.

   En relación aos nenos que este ano comezan por primeira vez o colexio --4 de Educación Infantil--, a Xunta recibiu ao redor de 15.000 solicitudes de praza, para unha oferta de algo máis de 26.000 prazas. Isto supón, destaca a Consellería de Educación, "que preto do 42% das prazas de novo ingreso ofertadas quedan libres", facilitando á práctica totalidade dos pais a opción elixida.

   No outro lado da balanza, tendo en conta os datos de matrícula, pecharán as súas portas tres centros en Galicia: o CEIP Torrexallóns de Laxe, o CEIP de Pousada Carcadía, en Padrón e a Escola de Educación Infantil de Carnés en Vimianzo, que se movían este curso entre 1 e 4 matrículas.

CASE 65.000 CON LIBRO DIXITAL

   Do total de alumnos que cursarán este ano en Galicia, 64.200 escolares pertencentes a 630 centros educativos estudarán con libro electrónico dentro do programa E-Dixgal da Xunta, que incorpora para este novo curso 34 novos centros.

   Dos novos incorporados, 14 corresponden á provincia de Pontevedra, 12 á da Coruña, catro á provincia de Ourense e outros catro á provincia de Lugo.

   A maioría deses novos centros, un total de 24, incorporan o libro electrónico na etapa de Primaria, mentres que nove fano na de ESO. Un deles súmase á vez con ambas as etapas. Ademais, dous centros que xa contaban co programa en Primaria incorpórano este curso que vén en 1 de ESO.

   Pola súa banda, o Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía, STEMBach, chegará este curso a aproximadamente 750 alumnos, coa incorporación de cinco centros novos ao programa: os institutos IES As Mariñas (Betanzos) e Primeiro de Marzo (Baiona), así como os colexios plurilingües CPR Miraflores (Ourense), Fogar (Mos) e Montecastelo (Vigo).

   A Xunta de Galicia implantou esta iniciativa por primeira vez no curso 2018/19 como experiencia piloto e foise consolidando até chegar ás cifras actuais, con case centenar de centros participantes.

   A iniciativa, enmarcada en Edudixital 2030, busca o desenvolvemento de competencias STEM a través de contidos curriculares asociados ao pensamento computacional e ás tecnoloxías inmersivas (como a realidade virtual e aumentada e a intelixencia artificial). Ademais, quere fomentar a vocación do alumnado cara á investigación científica e tecnolóxica.

Contenido patrocinado