Maroto destaca o impulso do Goberno á industria e Gonzalo Caballero contrapono co "abandono" da Xunta

A ministra considera que "hoxe hai un horizonte" no que traballar para dar unha solución a Alcoa

A ministra de Industira, Reyes Maroto, e o secretario gerenal do PSdeG, Gonza
PSDEG
Europa Press Galicia
Publicado: martes, 5 febrero 2019 12:28

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 5 Feb. (EUROPA PRESS) -

   A ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, destacou o impulso do Goberno socialista á "política industrial que necesita España e Galicia", unha aposta que o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, contrapuxo co "abandono" no que a Xunta ten a este sector.

   A titular de Industria e o líder dos socialistas galegos participaron este martes en Santiago nun acto organizado polo PSdeG con empresarios e representantes dos sindicatos. A este evento, entre outras persoas, acudiron o portavoz da patronal galega, Antonio Fontela, ou os secretarios xerais de UXT Galicia, José Antonio Gómez, e o de CC.OO. Galicia, Ramón Sarmiento.

   En declaracións aos medios, Reyes Maroto subliñou que o Executivo estatal impulsa a "política industrial que necesita España e Galicia" para que este sector "recupere o peso que non debería ter perdido nos sete anos de ausencia" que este ministerio tivo cos gobernos do PP.

   Así mesmo, indicou que durante a súa visita á Comunidade galega coñeceu "de primeira man" a situación de sectores tan importantes como o naval ou o agroalimentario no que, na súa opinión, "Galicia sen dúbida ten aínda moito por mellorar en materia de transformación e valor engadido".

   Ademais, após destacar que o seu departamento contempla un investimento de 67 millóns de euros para 23 proxectos industriais galegos a través do Plan Reindus, puxo en valor as medidas adoptadas polo Goberno central para o "acompañamento da Industria 4.0.".

INDUSTRIA ELECTROINTENSIVA

   Antes de participar no acto en Santiago, a titular de Industria sinalou o traballo realizado polo Executivo estatal para dar unha solución aos traballadores após o anuncio de peche das plantas de Alcoa na Coruña e Avilés. "Avanzamos moito desde que nos chamaron dicindo que pechaba Alcoa", asegurou a ministra, que considerou que "hoxe hai un horizonte para traballar".

   "Tomamos xa medidas desde o Goberno, como o inicio da redacción do estatuto da industria electrointensiva, tan importante para a procura dese comprador", apuntou Reyes Maroto, que leste mesmo martes participa nunha reunión co comité de empresa de Alcoa.

   Segundo indicou, esta ten lugar de forma paralela á creación da mesa de seguimento na que estará o Ministerio e a Xunta, un órgano que "en menos dun mes vaise a pór a traballar" na folla de ruta definitiva para "darlle unha solución definitiva" aos traballadores.

   "Estamos a axudar a través das medidas que estamos a adoptar para que a industria e a industria electrointensiva teña o seu peso importante tamén en Galicia e no resto de España", apuntou.

PSDEG LAMENTA O "ABANDONO" DA XUNTA

   Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, valorou o impulso dado polo Executivo presidido por Pedro Sánchez á política industrial fronte a "abandono" da Xunta durante o dez anos de goberno de Alberto Núñez Feijóo.

   "Dez anos nos que a industria galega perdeu decenas de miles de empregos, nos que cada vez a industria galega ten menos peso e menos capacidade", lamentou o dirixente socialista, que censurou que "empresas de referencia internacional que estaban ancoradas en Galicia fosen perdendo o seu compoñente vinculado á economía galega".

   Deste xeito, contrapuxo "a tarefa dun goberno preocupado pola política industrial activa" cun Goberno da Xunta cuxo conselleiro de Economía "non tomou ningunha decisión importante" para relanzar a este sector, para apoiar o tecido produtivo ou para conseguir que o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) teña capacidade de tracción e impulso.

   "Reclamamos unha estratexia de acción industrial a medio e longo prazo, ancorada en factores fundamentais referentes ao financiamento, á formación do capital humano, ao tecido produtivo en estratexia internacional e á capacidade de innovación tecnolóxica na que, mentres que o Goberno de España aposta pola innovación e o I+D+i, en Galicia seguimos tendo un atraso comparativo moi importante", manifestou.

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado