O Módulo Tecnolóxico Industrial da UVigo terá unha réplica virtual

Módulo Tecnolóxico Industrial (MIT), sede do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da Universidade de Vigo.
DUVI-UNIVERSIDADE DE VIGO
Europa Press Galicia
Publicado: lunes, 2 marzo 2020 17:41

VIGO 2 Mar. (EUROPA PRESS) -

O edificio coñecido como MTI, Módulo Tecnolóxico Industrial, da Universidade de Vigo, que é sede do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (Cintecx) terá, antes de final de ano, unha réplica virtual que permitirá controlar en tempo real aspectos como a calidade do aire no interior do edificio, a temperatura, a humidade ou os niveis de dióxido de carbono.

O deseño deste 'xemelgo' dixital é a proposta gañadora do Desafío Cintecx 2020, un concurso de ideas financiado con 25.000 euros, e está coordinada polo investigador Enrique Granada, do Grupo de Tecnoloxías Enerxéticas.

O proxecto elaborará unha representación dixital de múltiples vistas do edificio, e centrarase no piso -1, onde están instaladas un gran número de infraestruturas empregadas polos grupos de investigación do Cintecx.

Na iniciativa tamén participará o grupo de investigación GeoTech (de xeotecnoloxías aplicadas), e contará con colaboración de entidades privadas, como as empresas Insitu, Soltec e Norlean, e de Ageinco.

O Grupo de Tecnoloxías Enerxéticas será o encargado de desenvolver e instalar catro dispositivos en diferentes puntos das paredes do MTI para 'monitorear' o ambiente; tamén se colocará un dispositivo móbil nun pequeno carriño cunha barra vertical duns 180 centímetros.

Mentres, o grupo GeoTech ocuparase de xerar os modelos xeométricos dixitais que soportarán todo o proceso de dixitalización do sistema. Para iso, empregaranse algunhas das últimas tecnoloxías dixitais, como os sensores 'Lidar'.

A empresa Insitu, spin-off da UVigo, encargarase de montar o sistema de cámaras que vixiarán o movemento das persoas dentro do edificio; e Soltec e Norlean abordarán cuestións relacionadas coa eficiencia enerxética e as simulacións para navegar polo edificio virtual.

O próximo outono, coincidindo coa celebración dunha nova edición do programa Divulgando Ciencia Singular, darase a coñecer a versión final deste 'xemelgo' dixital, o primeiro dun edificio da UVigo.

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado