A nova OPE educativa da Xunta incluirá 918 prazas de profesor de Secundaria e 426 de mestre de Primaria e Infantil

Archivo - Arquivo - Miles de aspirantes vestíronse de negro como protesta mentres realizan as oposicións de Enfermaría do Sergas, no Recinto Feiral, a 25 de xuño de 2023, en Silleda, Pontevedra, Galicia (España). O sindicato ?Enfermeiras Eventuais en L
Álvaro Ballesteros - Europa Press - Archivo
Europa Press Galicia
Actualizado: miércoles, 29 enero 2025 14:56

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 29 Ene. (EUROPA PRESS) -

  

As oposicións educativas que a Xunta convocará para este ano, que se celebrarán en xuño cun total de 1.664 prazas ofertadas, inclúen 918 para profesores de Secundaria, 426 de mestres de Educación Primaria e Infantil, e outros 80 de especialistas en sectores singulares de FP.

Así figura no documento da convocatoria elaborado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, que terá que ser avaliado cos sindicatos na mesa sectorial, prevista para o vindeiro martes, 4 de febreiro.

O conselleiro Román Rodríguez presentou este mércores a información da convocatoria, "moi esperada polos aspirantes" e destacou que a oferta "posibilita unha maior estabilidade dos cadros de persoal, o que é tremendamente positivo tanto para os docentes a nivel individual como para o sistema".

En total, a oferta pública de emprego (OPE) conterá 1.664 prazas, das cales a maioría corresponden a acceso libre. Destas, as de Secundaria --ESO e Bacharelato-- son 918, das cales 100 están reservadas para persoas con discapacidade.

O grupo máis númeroso son os profesores de Inglés, para os que haberá 104 postos, incluídos os reservados para discapacidade. Séguenlle os de Lingua e Literatura Galega, con 77 prazas; de Informática, con 62; Sistemas e Aplicacións Informáticas, con outras 62; e Tecnoloxía, con 58.

En canto ao corpo de mestres, a OPE incluirá 426 prazas en total, 53 delas para persoas con discapacidade. Hai 122 vacantes da categoría de Educación Primaria e outras 79 de Infantil, a parte doutras especialidades como Inglés, con 53.

Tamén cabe destacar, dentro do corpo de mestres, as 53 prazas convocadas en Audición e Linguaxe (Ao)/Ao) e as 40 de Pedagoxía Terapéutica (PT).

No que respecta aos especialistas en sectores singulares de FP, ofértanse 80 postos, 10 deles para a quenda de discapacidade. Os grupos máis numerosos son os de Mantemento de Vehículos (19), o de Cociña e Pastelaría (17), e o de Mecanizado e Mantemento de Máquinas (15).

Finalmente, a OPE complétase con 10 prazas de inspectores de Educación e outras 230 de promoción interna, para que profesores do corpo de Secundaria poidan pasar do subgrupo A2 ao A1.

120 POSTOS POR CADA 100 PRAZAS

O conselleiro de Educación destacou que, neste novo proceso "vanse a cubrir 120 postos por cada 100 prazas", e remarcou tamén que as especialidades con maior número de prazas coinciden "coas políticas da Consellería en ámbitos ocmo a inclusión, o reforzo matemático, o desenvolvemento tecnolóxico ou o plurilingüismo".

A OPE deste ano eleva a 20.252 as prazas convocadas pola Xunta desde 2009, "impulsando unha renovación de aproximadamente dous terzos do profesorado", explicou Rodríguez, quen incidiu en que o sistema educativo público de Galicia é o que menos porcentaxe de interinos ten de toda España e está "moi por baixo" da media estatal.

A oferta permitirá "seguir mellorando" o cociente de alumnos por profesor nas aulas galegas, actualmente de 9,8, fronte á media estatal de 11,4. Todo iso nun contexto de caída demográfica, a pesar da cal, a Xunta "aposta por manter os cadros de persoal o máis estabilizados posible", subliñou o conselleiro.

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado