O Parlamento traslada o seu pesar ás vítimas do accidente de Urda e pide que se esclarezan as causas

Nunha declaración institucional, a Cámara tamén demanda que se depuren as responsabilidades políticas que correspondan

Europa Press Galicia
Publicado: miércoles, 4 noviembre 2026 11:16

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 4 Nov. (EUROPA PRESS) -

   O Parlamento de Galicia expresou o seu pesar polas vítimas do accidente ferroviario ocorrido a pasada semana na localidade toledana de Urda e trasladou ás persoas afectadas e ás súas familias o "agarimo, respecto e solidariedade de toda a sociedade galega".

   Nunha declaración institucional acordada por todos os grupos e que leu este mércores na sesión plenaria o presidente da Cámara, Miguel Santalices, o Parlamento estendeu esta mensaxe de apoio ao conxunto da cidadanía de Castela-A Mancha.

   Igualmente, trasladou o seu "recoñecemento e gratitude" a todo o persoal sanitario e de emerxencias, así como voluntarios e veciños que deron "exemplo de unidade e humanidade".

   "As consecuencias dunha traxedia destas características van moito máis alá do momento en que se produce. A dor das familias, a incerteza das persoas feridas e o impacto sobre toda unha comunidade esixen proximidade, sensibilidade e unha resposta institucional coordinada", recolle a declaración.

   Ademais, o texto sinala que Galicia coñece ben "a profunda dor" dun sinistro destas características, lembrando o accidente ferroviario de Angrois ocorrido en Santiago no ano 2013. Unha traxedia que, subliña, "marcou profundamente á sociedade galega e deixou unha pegada indeleble nas vítimas, nas súas familias e no conxunto do pobo galego".

   Após lembrar tamén os accidentes de tren de Adamuz e Gélida deste ano, a declaración institucional indica tamén que o recordo deses feitos permite "comprender o sufrimento" que hoxe viven os afectados do sinistro de Castela-A Mancha.

   Ademais, destaca que o respecto ás vítimas e ás súas familias "esixe tamén esclarecer con rigor e transparencia" as causas, "depurar as responsabilidades políticas que correspondesen" e "adoptar todas as medidas necesarias para evitar que feitos semellantes volvan repetirse".

   "Desde o respecto á memoria das persoas falecidas e á dor de todas as persoas afectadas, o Parlamento de Galicia quere facer chegar unha mensaxe de solidariedade, de acompañamento e de esperanza", conclúe o texto.

Contador

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado