Pontevedra retirará ao Marqués de Valterra do rueiro e quitará honras a catro dirixentes da ditadura

O goberno local confía en que "ningún membro da Corporación se opoña" a retirar estes nomes "que supoñen dor" e "represión"

Avenida Marqués de Valterra, en Pontevedra.
GOOGLE IMAGES
Europa Press Galicia
Publicado: lunes, 31 enero 2022 19:58

   PONTEVEDRA, 31 Ene. (EUROPA PRESS) -

   O goberno local de Pontevedra levará a unha próxima comisión de cultura unha proposta para retirar ao Marqués de Valterra do rueiro da cidade, así como para quitar títulos honoríficos aos militares franquistas Salvador Moreno, Fermín Gutiérrez Soto e Ángel Ramírez de Cartagena y Marcaida, e ao exministro durante a ditadura Gonzalo Fernández de la Mora y Mon.

   Esta decisión chega despois dunha reunión que mantiveron a semana pasada a portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, o concelleiro de Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda, a edila de Patrimonio Municipal, Carme da Silva, e entidades e persoas vinculadas á memoria histórica.

   O propósito daquel encontro, que se volverá a repetir proximamente, segundo informa o Concello, é o de "continuar rimpiando os rueiros da cidade da pegada franquista e recuperar a dignidade" cun traballo de investigación "man a man" coas asociacións.

   Este luns, durante a rolda de prensa posterior á xunta de goberno local, Gulías informou de que xa se tomou a decisión de retirar o nome á avenida Marqués de Valterra --situada no barrio de Estribela-- e substituíla por outro que aínda está por concretar.

   A concelleira portavoz explicou que foi nun pleno o 30 de decembro de 1952 cando se acordou darlle o nome de avenida Marqués de Valterra en relación a Pascual Díaz de Rivera y Casares, un militar responsable da política pesqueira do réxime, tras promover a construción dunha escola-comedor para os fillos dos mariñeiros.

REVISIÓN DE TÍTULOS NA CIDADE

   Así mesmo, durante a reunión da semana pasada acordouse tamén iniciar a revisión de nomeamentos dos fillos adoptivos e predilectos da cidade de Pontevedra e as medallas de ouro e prata da cidade, co propósito de "borrar da memoria colectiva eses nomes".

   Neste contexto, Gulías xa avanzou que se retirarán honras aos militares Salvador Moreno --fillo adoptivo desde o 23 de maio de 1942--, Fermín Gutiérrez Soto --fillo adoptivo desde o 22 de xuño de 1939 e medalla de ouro desde o 30 de marzo de 1960-- e Ángel Ramírez de Cartagena y Marcaida --fillo adoptivo desde o 16 de agosto de 1976--.

   De igual modo, deixará de ser fillo adoptivo de Pontevedra Gonzalo Fernández de la Mora y Mon, quen foi ministro de Obras Públicas do réxime franquista, entre 1970 e 1974.

   O goberno local adopta como directriz para retirarlles estes títulos a súa "vinculación estreita" coa ditadura e o seu "papel represor" cos pontevedreses. "Teremos todo o coidado na elaboración do expediente", garantiu a portavoz, quen tamén desexou que se faga "co maior consenso".

   "Porque non creo que ningún membro da Corporación se opoña a retirar nomes que supoñen dor, represión e ditadura", sentenciou Gulías.

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado