SANTIAGO DE COMPOSTELA, 8 Ene. (EUROPA PRESS) -
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou que o Goberno e a Unión Europea están "en fóra de xogo" ante o "ataque" dos Estados Unidos a Venezuela e "o secuestro" de Nicolás Maduro e pediulles "ser contundentes" para denunciar o ocorrido.
A preguntas dos medios este xoves nun almorzo informativo en Santiago, Pontón recoñeceu que hai que ser "prudentes" ante unha situación que, apuntou, ninguén "se imaxinaba": "Que se poida entrar nun país soberano e secuestrar ao seu presidente".
Para a líder do Bloque isto supón "unha ameaza para os dereitos e liberdades de todos", sinalando que "agora van a polo petróleo de Venezuela", pero "o próximo será Groenlandia" e, de fondo, engadiu, "a vella política imperialista".
"Hai que ser contundentes á hora de denunciar o que está a ocorrer e reclamar que se respecte a soberanía de Venezuela porque o futuro non o pode decidir Trump, téñeno que decidir os venezolanos", remarcou.
Nesta liña, Ana Pontón lamentou que o Goberno e as institucións europeas permanezan "fóra de xogo" e non teñan "ningún papel neste momento", algo que, segundo a portavoz nacionalista, mostra "unha subordinación moi clara a Estados Unidos".
Por iso, cuestionada sobre se está satisfeita coa resposta do Executivo de Pedro Sánchez tras estes feitos, Pontón esixiu "máis contundencia" porque, insistiu, "ningún país ten dereito a invadir outro e secuestrar ao seu presidente".
"É unha ameaza para todos", manifestou antes de afirmar que o ocorrido conduce a un mundo "máis inseguro" e no que "xa saltou polo aire o dereito internacional". "Se o futuro é a lei do máis forte, vainos a saír moi mal", augurou.
TROPAS A UCRAÍNA
Doutra banda, a preguntas dos medios sobre a posición do BNG ante o posible envío de tropas españolas a Ucraína, a líder da oposición na Cámara galega reiterou que non cre que o Estado "teña que participar no envío de tropas".
"Cando se envía a militares non é para facer a paz, senón para facer a guerra e cremos que hai que traballar por unha solución diplomática", argumentou.
Ademais, criticou a "hipocrisía" por parte da Unión Europea ao demandar aos países que "se endebeden para enviar armas a Ucraína" e non para "incrementar o gasto social".