O PP oponse a retirar o plus a médicos por tempo das baixas como esixe o BNG, que o tacha de "infame"

Os populares acusan o Bloque de "disfrazar a concelleiros nacionalistas de sanitarios" para "inventarse falacias"

Europa Press Galicia
Publicado: martes, 2 junio 2026 14:02

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 2 Jun. (EUROPA PRESS) -

O Partido Popular rexeitou retirar o plus aos médicos vinculado ao tempo das baixas como así esixiu o BNG este martes no pleno do Parlamento de Galicia nunha moción defendida pola deputada Montse Prado.

En concreto, a parlamentaria do Bloque cualificou esta medida de "infame" e censurou que o PP non entendan que as baixas son "un dereito" das persoas para curarse e non "unha cousa para irse de vacacións".

Ademais, enmarcou esta medida nun "paso máis" da "deterioración da sanidade pública por parte do PP", que camiña "na súa descapitalización" para premiar á privada ao permitir que mutuas "decidan" sobre os dereitos dos galegos. "Vostedes non van conseguir amedrentar aos profesionais que denuncian esta situación", manifestou.

O texto defendido polo BNG, ademais, inclúe pedir á Xunta que atenda as recomendacións do último Consello de Contas e presente o novo plan de atención primaria comprometido desde 2019.

APOIO DO PSOE E REXEITAMENTO DO PPDEG

Na sesión, o deputado do PSdeG Julio Torrado avanzou o apoio da súa formación á iniciativa do BNG e aproveitou para referirse aos cesamentos en Sanidade aprobados o luns polo Consello da Xunta.

"Se non pasasen todo o día asumindo que cada vez que alguén formula unha idea é un desastre e unha alarmista e empezasen a facer as cousas, hoxe estariamos a resolver a situación. Porque acaban dicindo isto, que todo mal, pero botando ao xerente do Sergas", manifestou.

Torrado asegurou que os problemas na atención primaria remóntanse a "hai anos" pero que o PP non quere falar deles e segue funcionando "cun modelo absolutamente anquilosado no pasado". "Pasan todo o día botando culpas a outra xente do que pasa cos médicos e non queren resolver nada", censurou para acusar á Xunta de levar 17 anos buscando culpables sen que a cousa mellorase. "A ver se vai ser que os culpables son vostedes", manifestou.

En fronte, a parlamentaria do PPdeG Encarna Amigo avanzou o 'non' do grupo maioritario ás peticións do BNG ao asegurar que a súa moción está construída con base a "acusacións falsas" e acusou a Montse Prado de tratar de construír un "relato ficticio a partir dunha lectura tendenciosa dos datos".

"Mentres vostedes falan de plans sobre o papel, o que fai o Goberno de Rueda é traballar sobre o terreo, da man dos expertos, da man dos profesionais en saúde", dixo.

Encarna Amigo asegurou, ademais, que "ningún médico recibe instrucións para dar altas prematuras" e "que ningún paciente recibe ningunha atención diferente por estar máis ou menos de baixa". Un punto no que acusou ao BNG de "disfrazar" a "concelleiros nacionalistas" de sanitarios para "inventarse falacias".

Por último, insistiu en que os problemas da atención primaria débense á "falta de profesionais", un déficit que dixo que é común en todo o Estado.

Contador

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado