A produción industrial retorna a taxas negativas en Galicia

Fábrica de Toyota
REUTERS
Europa Press Galicia
Actualizado: lunes, 10 marzo 2014 12:45

SANTIAGO DE COMPOSTELA 10 Mar. (EUROPA PRESS) -

O Índice Xeral de Produción Industrial (IPI) retrocedeu en Galicia un 3,4 por cento en xaneiro e retornou así ao terreo negativo tras aumentar durante os catro meses anteriores, segundo informou este luns o Instituto Nacional de Estatística (INE).

Con estas cifras, Galicia sitúase entre as cinco comunidades nas que se rexistra un maior descenso interanual. Comparte un descenso do 3,4% con A Rioxa, por detrás da baixada do 3,7% de Asturias, País Vasco ( -3,9%) e Murcia ( -5,2%).

No polo oposto, os maiores incrementos rexístraos Castela e León (9,3%), Aragón (8,5%), Andalucía (7,2%), Navarra (4%) e Extremadura (1,2%).

No ámbito nacional, o IPI retrocedeu un 0,1 por cento o pasado mes de xaneiro respecto a igual mes de 2013 e retornou así ao terreo negativo tras aumentar un 3,9 por cento en decembro.

Aínda que a taxa interanual de xaneiro é catro puntos inferior á do último mes de 2013, se se descontan efectos estacionais e de calendario, a produción industrial experimentou en xaneiro un crecemento interanual do 1,1 por cento, un punto e unha décima inferior á rexistrada en decembro de 2013 (+2,2 por cento).

TIPO DE BENS

En concreto, os bens de consumo e os bens de equipo elevaron a súa produción un 1,5 por cento e un 1,7 por cento en xaneiro respecto ao mesmo mes do ano anterior, mentres que os bens intermedios rexistraron unha taxa de negativa do 0,1 por cento e a enerxía, do 3,7 por cento.

Pola súa banda, os índices corrixidos de efectos estacionais e de calendario presentaron taxas anuais positivas en todos os sectores, agás en bens de consumo duradeiro ( -3,5 por cento) e enerxía ( -3,1 por cento).

En taxa mensual (xaneiro sobre decembro), a produción industrial, corrixidos os efectos estacionais e de calendario, mantívose estable (0,0 por cento), a mesma taxa que a observada en decembro, tras o crecemento rexistrado en novembro (+0,9 por cento).

Todos os sectores industriais, excepoto enerxía ( -4,2 por cento), rexistraron taxas mensuais positivas, co sector de bens de consumo duradeiro á cabeza, ao rexistrar o maior incremento mensual (+3,3 por cento).

Contenido patrocinado