A publicación 'Raizame do Encaixe Galego', de Concepción Canoura, reeditarase con 500 exemplares

Europa Press Galicia
Actualizado: domingo, 22 agosto 2010 16:58

SANTIAGO DE COMPOSTELA 22 Ago. (EUROPA PRESS) -

A publicación 'Raizame do Encaixe Galego', elaborada pola artesá Concepción Canoura, reeditarase con 500 exemplares que se poderán adquirir en Galicia e no resto de España, cun custo reducido. Ademais, o libro seguirá estando dispoñible a través da páxina web www.artesaniadegalicia.org, onde se poderá descargar gratuitamente en formato pdf.

Segundo explicou a Xunta, o libro estaba esgotado dende o ano pasado e a súa nova edición estará financiada pola Consellería de Economía e Industria, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño.

'Raizame do Encaixe Galego' é un traballo de investigación sobre as técnicas tradicionais do encaixe na comunidade que, segundo apuntou a Xunta, pretende recuperar a identidade do encaixe tradicional de Galicia, dar a coñecer a grande diversidade de modelos que existían e recoller a ampla variedade de técnicas e de deseños que se foron deixando de elaborar co paso do tempo.

Así mesmo, a formación especializada dos artesáns, e a investigación, recuperación e preservación das técnicas dos oficios tradicionais constitúen "obxectivos básicos" da súa liña de actuación.

Contenido patrocinado